RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Cristóbal: "Creo no equipo, creo que imos competir ben"

Cristóbal Parralo asegurou esta mañá na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR que o empate do pasado domingo en Vilarreal "serviunos para ter unha semana máis tranquila pero somos conscientes da situación na que estamos. Mañá (20:45 horas, Bein LaLiga) xogamos un partido moi importante ante nun rival (o Valencia CF) que vén facendo as cousas moi ben".

Explica que nesta ocasión convoca a 19 xogadores polas molestias que sufriu Emre Çolak na rexión inguinal esquerda, que lle obrigou a retirarse antes que os seus compañeiros ao vestiario: "Imos tentar recuperalo para mañá. Imos ver como está mañá".

Advirte de que a situación clasificatoria do Dépor "non é na que nos gustaría estar. Pero é a que hai, hai que afrontala. Queda tempo e quedan partidos por diante para mellorar en todos os sentidos".

Do outro día no Estadio de la Cerámica, subliña Cristóbal que "o equipo competiu. Seguimos cometendo algúns erros pero competiu mellor e estivo metido no partido. A confianza dácha non un resultado, senón unha serie de resultados, unha dinámica. É o que tentamos buscar, esa dinámica para que nos dea esa confianza e podamos xogar con moita máis tranquilidade".

Gañar ao Valencia mañá no Estadio, segundo o adestrador branquiazul, "faríanos ver todo de maneira diferente. E somos conscientes diso, os xogadores os primeiros".

Do equipo che subliña que "é un equipo que está a xogar con moita intensidade, coas ideas moi claras, con moi bos xogadores, cunha dinámica tamén boa. É un equipo do mellor do campionato. É un equipo difícil pero nós imos tentar cos nosos argumentos gañar o partido".

Neste sentido, recalca Cristóbal que "creo no equipo, creo que imos competir ben. Estou convencido que imos ter opcións de poder gañar o partido".

Ademais, está seguro que "a afección sempre está co equipo. Espero que mañá nos axuden a gañar este importante partido. Respecto moitísimo o que fai a afección".

É consciente Cristóbal de que "temos un problema importante en canto a que somos un dos equipos que máis goles encaixa. Iso para min marca moito. Temos que tentar coller esa seguridade, esa confianza, para poder ir dando pasiños cara a adiante e encaixar esas pezas que a todos nos gustaría ver no campo".

Cre que "para que desaparezan os problemas temos que coller unha dinámica, unha liña para poder dicir que levamos 4 ou 5 partidos que non encaixamos goles ou encaixamos moi poucos goles. Entón podes ver un indicio do que o equipo busca, que é ser sólido".