RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani cre que "o equipo necesita un cambio grande" e Vicente lembra que "imos últimos por méritos propios"

O capitán Dani Giménez e Vicente Gómez pasáronse pola zona mixta do Estadio Francisco de la Hera.

O meta deportivista quixo en primeiro lugar "pedir desculpas á afección porque non estamos a dar o nivel necesario para xogar no Dépor. Haberá que cambiar cousas porque o equipo necesita un cambio grande, xente con mentalidade limpa, un cambio de sistema, outra maneira de xogar... Non o sei pero hai que facer algo pronto porque van pasando as xornadas e cada vez estamos máis abaixo. O equipo non dá mostras de responder o estímulo que é a competición".

Insiste en que "hai que ser activo, tentar buscar cambios; e que a xente saiba que isto non pode seguir así. O que non poida facelo ou que a situación poida máis que el, hai xente que está a xogar menos ou xente mesmo no Fabril que quizais poida achegar máis. Quen non estea, pois que non xogue".

Dani Giménez opina que "non somos tan malos como estamos a demostrar. Pero a situación está a podernos. Podemos ter algúns minutos de que o equipo parece que ten o balón, aperta ben pero á mínima xogada, ao mínimo erro, ao mínimo gol contrario cambia totalmente a mentalidade do equipo e somos descoñecidos. Necesitamos algo que nos active, algo que non nos faga pensar en grande porque nos estamos afundindo e non atopamos a maneira de saír do pozo".

Tamén aprecia falta de calidade no cadro, "por iso imos últimos, as cousas como son. Se todo fose ben estou seguro que moitos xogadores darían moito máis. Pero a calidade tamén é superar estas adversidades e deixar atrás esa presión. Estamos a xogar en Extremadura, non en ABANCA-RIAZOR. Creo que a actitude do equipo sen ser mala, foi peor que a do Extremadura. O problema que temos é que ao primeiro golpe en contra vímonos abaixo. Tentamos axudarnos por todos os medios os uns aos outros. O equipo está bastante unido pero ás veces é mellor dicirnos as cousas á cara e a ver se hai esa faísca de cambio".

Por todo isto, ve ao equipo "superado. Sería moi feo falar de compañeiros cando eu nas últimos xornadas tamén non estiven ao nivel que require para estar aquí no Deportivo. Hai que ser valente, hai que ser profesional, que este equipo o é, e xogador de fútbol. E ser xogador de fútbol é estar ás boas e ás malas; e dar a cara cando hai que dala. Quen non poida, non falo nunca de quen non queira, temos máis xente no equipo. Primeiro evidentemente eu. Pero algo hai que facer. Non sei se cambio de sistema, non sei se lavar a cabeza e ser un pouco máis aloucados xogando. Este equipo, cando nos dá por pensar, sufrimos demasiado".

De Luis César, Dani comentou que "está a aguantar moitísimo. Atopouse a un equipo amolado. Parecía que saíamos de aí, que estabamos a traballar cousas que nos facían falta e non estamos a responder. Supoño que el tamén agora terá que darlle voltas esta semana coa axuda de todos para tentar cambiar esta dinámica".

O porteiro deportivista confesou que non sente vergoña "cando o dás todo para gañar. A xente aquí non é pasota, non ten morro. Ao revés. Ás veces si é certo que como equipo vémonos superados. Unhas veces é un xogador que non ten o seu día, outros días outro. É unha cousa de mentalidade de equipo pero está a faltarnos tamén esa calidade para rematar as xogadas, tamén esa calidade para soportar esa frustración que che pode xerar verte dominado; ou mesmo cando dominas, ás primeiras te ves co marcador en contra. É un momento moi difícil e algunha reacción ou cambio hai que facer, hai que buscar".

Finalmente, explica que no vestiario ao acabar o partido "tivemos unhas palabras máis altas que outras no sentido da ver se nos espabilamos. Creo que é positivo. Ás veces fai falta que 2 ou 3 pelexémonos e que saia unha faísca dentro do vestiario. Ao final somos tan bos, tan calados que van pasando as xornadas e nunca nos atrevemos a dar un paso, a empuxar a un compañeiro que se cadra o está pasando mal e necesita que alguén o empuxe. Hoxe a ver se nos vale de algo. Hoxe houbo algo máis de tensión no vestiario e véxoo positivo porque seguramente acenderá unha chama e co que espero que se faga esta semana, permítanos gañar".

Pola súa banda Vicente Gómez indicou que "outra vez mal todo. Todo sae mal. Se cadra o inicio parecía esperanzador como o día do Elche. Fannos un gol da nada e outra vez a remar contracorrente".

O centrocampista branquiazul opina que "a realidade é que non estamos a dar o noso mellor nivel. Por momentos parece que vai chegar pero sempre nos dan un golpe e con ese golpe logo non somos capaces de darlle a volta nunca".

Cre que "é un problema de todo. Os que estamos a xogar somos os principais responsables. A priori xogador por xogador todos coincidimos que somos mellores do que a situación di. Pero hai que ser realistas e imos últimos por méritos propios".

Lembra vivir "situacións parecidas con outros clubs e de súpeto alíñase un pouco todo, dás ti un primeiro golpe e es capaz de saír. O Club debe valorar o que crea conveniente pero si é verdade que ninguén está a dar a talla".

Ve "normal" que a afección senta vergoña do equipo: "Téñome que pór un pouco no seu lugar e dirán ¿que merda están a dicir estes? O que hai que facer é falar no campo. En ningún momento estamos a facer as cousas ben. Non se lles pode dicir nada, animan todos os partidos, veñen aquí, gástanse o seu diñeiro e ver que outra vez máis do mesmo. Non lle podemos dicir nada".

Na súa opinión, "en todas as liñas non estamos a dar o nivel. Por aí o míster dicía que hai que darlle unha volta a todo, sacudir a árbore e ver de que maneira podemos tocar a tecla; e ser máis fortes, que non pareza que empezamos ben, dannos un golpe e outra vez custe un mundo tentar ir arriba".

Esta tarde no Francisco de la Hera, Vicente Gómez subliña que faltou "cando nos fan o gol, reacción. Non te podo dicir porqué. Vemos que non somos capaces de reaccionar". "Menos os mozos novos, todos vivimos situacións así. Eu poño como exemplo unha que tiven nas Palmas moi parecida. Ao final acabei xogando play off. Póñome no mellor dos escenarios, que o próximo día imos ser capaces de gañar, de dar nós ese primeiro golpe e que non nos remonten logo", conclúe.