RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez admite que o partido do domingo "é un dos máis importantes do ano"

Dani Giménez foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

Explica os últimos triunfos fóra e os empates en ABANCA-RIAZOR pola "eficacia que estamos a ter. Fóra ultimamente as ocasións que temos aproveitámolas. É a única maneira de gañar fóra. É moi complicado ser dominador dun partido. E en ABANCA-RIAZOR si estamos a dominar, creando moitas ocasións, e non as estamos metendo. Cando tes unha renda dun gol só, cando crees que mereces máis, poden producirse desaxustes como pasou o outro día e empátanche. Termina o partido cunha pequena frustración".

Do partido deste domingo 24 de febreiro en La Rosaleda ante o Málaga CF (18:00 horas, Movistar Partidazo), o meta deportivista advirte que "para nós é bo que o rival nos deixe xogar, que non teñan unha presión moi alta, que co paso dos minutos podamos sentirnos protagonistas".

Ademais cre que "vai depender un pouco das ocasións que teñamos, se somos capaces de abrir o marcador. Entón o Málaga ten que abrirse máis e podemos aproveitar máis os espazos".

Espera un partido "moi físico. Teñen xente moi vertical, fisicamente moi forte no medio campo, e xente con certa experiencia, con experiencia. É un dos partidos máis importantes do ano por nome, por ser dous equipos recentemente descendidos, cos maiores presupostos. Un partido máis de Segunda pero dous 'cocos' da categoría".

Lembra no entanto, tralo partido de La Rosaleda, que "aínda queda moito. Non se pode xogar coa presión de que 'se se van moito na clasificación' porque ao domingo seguinte o Málaga perde e nós gañamos e estamos outra vez a 1 punto. Temos que afrontar o partido como é: un partido importante, marcado no calendario porque somos dous equipos que imos loitar polo ascenso desde a primeira xornada de liga".

Por este motivo, pide "centrarnos no partido. Non no que veña logo. Se gañamos, ben, pero non creo que se nós gañamos en La Rosaleda o Málaga vaise desinflar e o Dépor vai ser imposible de coller. Todo o contrario. Quedan moitas xornadas e estase vendo que calquera equipo pode gañar en calquera campo".

Do empate do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o Nàstic, Dani Giménez queda co que pasou a raíz do empate: "Viámonos tan superiores, parecía que non nos criamos que iamos só 1-0, logo 1-1. E aí perdemos o control do partido. Son cousas que non poden pasar. Un equipo competitivo, un equipo gañador ás veces non é amarrar o resultado, é ir a por o segundo pero con orde e con cabeza. Un par de xogadas colleunos o Nástic ao contraataque que non poden suceder. Falámolo. É algo que temos todos claro. Se o Nástic gañounos, quedounos cara de parvo".

Preguntado por Vítor Silva, que estes días se adestra co primeiro equipo, o capitán branquiazul razoa que "hai xente lesionada, concentrada ademais en postos que son moi similares, xente de perfil de medio campo. É unha vacina ante o que pode pasar. Non sabemos como vai ser a evolución de todas as lesións. Sempre hai que ter un plan B preparado. Nós encantados. O rapaz é moi simpático, moi traballador. Onte vímolo. Dentro do perfil é bo para o noso equipo. Ten experiencia, é veterano, vai achegar tamén ao vestiario. Se queda ou non xa non depende de nós".

Sobre o fabrilista Montiel, debutante o pasado sábado co primeiro equipo, Dani Giménez conta que o coñece porque "como sabedes xoguei no Rayo Vallecano, sigo bastante ao Rayo. Lévome moi ben co adestrador de alí, coa xente que traballa alí. Sei o que pode dar. Vén dunha situación no Fabril que non é cómoda, que quizais non están a facer as cousas como deberían. O outro día saíu ben, con desenvoltura, que é o que el ten. El entende ben o fútbol, ten calidade. É certo que ao final son momentos. O outro día estivo, botou unha man. Estou seguro que vai ter máis oportunidades".

Iso si, opina que "se recuperamos a toda a xente de ataque e de medio campo vaille custar máis. Pero se o rapaz cada vez que vén segue adestrando así, un tío que se integra ben, se volve ter outra oportunidade e volve a aproveitala, estou seguro que veremos máis minutos de Montiel, do mesmo xeito que máis xente de #ANOSACANTEIRA. Ao final, #ANOSACANTEIRA ten que estar para iso".