RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez: "É evidente que neste caso os que non estamos á altura somos os xogadores"

Dani Giménez, un dos capitáns do Dépor, tomou a palabra este mediodía na sala de prensa de Abegondo.

Cre que o pasado domingo ante o Málaga CF en ABANCA-RIAZOR, "o equipo si estivo mellor en moitas cousas, sobre todo na disposición no terreo de xogo. É certo que logo nos custou tanto con balón como en defensa, sobre todo esa desorde defensiva que nos está penalizando tanto. Pero creo que algo melloramos. O fondo foi o partido das Palmas e a peor non imos ir. A xente está centrada no que ten que facer".

Sostén o gardameta branquiazul que a receita para escalar posicións na táboa pasa por "o primeiro saber que estamos aí por algo. Non é por mala sorte, nin porque en momentos puntuais non estivésemos ben individualmente; senón por moitos factores. O máis importante é esa desorganización e eses erros individuais que nos levan lastrando desde o inicio de temporada. E iso é mellorable co traballo diario".

Nesta liña, pide "aferrarse a esa solidez que non estamos a conseguir. Remátannos moito no balón parado, gáñannos moitos duelos. E logo temos erros, como o meu o outro día, que non son explicables para xogadores do noso nivel. Son cousas que pasan e cousas que teñen que ser unha motivación para mellorar".

É consciente que "valorar agora ao cadro é difícil porque estou seguro que ninguén está a dar o seu potencial, non máximo, nin próximo á metade. Temos que facer fincapé niso. Unha autocrítica construtiva que nos valla para aprender".

Non quere ouvir falar de gañar 2, 3, 4 partidos seguidos: "Imos falar en ter unha base sólida, en ser un equipo competitivo e que cada partido que pase seguir sumando cousas boas para chegar a un nivel mínimo de 'este é o Dépor que queremos ver'. Iso é o importante. Centrarnos no traballo diario e no partido que nos vén agora, o Real Racing Club de Santander", deste sábado 26 de outubro en El Sardinero (18:00 horas, Movistar LaLiga 1).

Na súa opinión, os adestradores "teñen gran parte de culpa cando as cousas van mal pero cando van ben, son os máximos responsables. Neste caso é tan evidente que os que non estamos á altura somos os xogadores. O único que temos que facer é mellorar para axudar a Luis César a que atope o equilibrio, atope o seu equipo. Do mesmo xeito que el téntanos axudar a nós. Chegou aquí, deunos ánimos pero díxonos: 'ti, ti e ti facedes isto e estádelo facendo mal. E imos traballar así e así'. E a maneira de mellorar é facendo o que el quere. É un home de fútbol igual que Anquela, con moitísima traxectoria. E necesitamos aferrarnos a eles".

Insiste Dani Giménez en que o equipo "defensivamente ten moitísimo marxe de mellora. Se ti es sólido sen querer vas ir xogando mellor porque aos rivais cústalles facerche dano. Con 2 ou 3 xogadores descolgados ou cunha presión alta, nós mesmos facémonos dano con moito fallo, con moito erro non forzado. Os equipos rivais sen facer moito en ABANCA-RIAZOR están a gañarnos".

Advirte o futbolista galego que "agora mesmo estamos nese momento de aprendizaxe, de ter unha base sólida para crecer. Non podemos gañar un partido pero ao seguinte volver ao momento de partida nefasto no que estamos agora. Entón o que temos que facer é que unha vez collemos esa base, non soltala e ir crecendo aos poucos".

Esa base, segundo Dani Giménez, "é ao que o equipo pódese agarrar. De nada vale gañar en Santander e que a imaxe do equipo sexa outra vez mala. Temos que ser conscientes que onde estamos é culpa nosa, non por mala sorte nin as dinámicas. Non é unha dinámica, é mellorar o equipo. O equipo é o que é. Mellorar, traballar e dunha vez gañar un partido cunha imaxe boa. Non vai haber un cambio de imaxe espectacular porque tampouco podemos facer experimentos. Os xogadores sabémolo".

Recalca que "o obxectivo claro é subir co Dépor. Pero estando últimos, o obxectivo é centrarte no traballo diario e facer un equipo polo menos mellor que o partido anterior. O punto de partida é tan baixo que o podemos conseguir. E creo que se este equipo aos poucos mellora, imos conseguir resultados".