RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez: "Este cadro ten moito, moito máis potencial do que está a mostrar e moito máis do que a xente cre"

Dani Giménez, un dos capitáns do primeiro cadro, foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O meta deportivista cre que o equipo vai sumando puntos "e mellorando, que é o máis importante. Ves a clasificación, ves os puntos e non é onde queremos estar. Ese ser máis sólido do último partido é co que máis nos quedamos", sostén.

Asegura que, con este arranque e o cadro desta temporada, "debemos ter un obxectivo ambicioso. Tes que marcar obxectivos a curto prazo. O outro día demos un paso grande no sentido de que o obxectivo era ser sólidos, competir o partido sen ter erros defensivos. E conseguímolo, a pesar de que o Deportivo que queremos ver, sobre todo en canto ao trato con balón, é diferente. Pero temos que ir sumando eses pequenos ciclos de melloría. E empezar dunha base que non a podemos perder para os seguintes partidos: xuntar as liñas, non deixar espazos e, sobre todo, esa solidez, bos despexes, colocación en defensa".

Reitera que "somos ambiciosos. Hai xente que non lle vén ben telo presente no día a día. Pero nós sabemos onde xogamos. Xogamos no Dépor e o Dépor non se pode expoñer un obxectivo como outro tipo de equipos que se cadra con non sufrir válelles. Nós non. Os veteranos tamén estamos para fai ver que os obxectivos se conseguen mellorando. Non podes pasar de encaixar tanto gol e non ter un xogo fluído a de súpeto arrasar en ABANCA-RIAZOR e puntuar todas as semanas".

Pide por iso "simplificar o fútbol, como fixemos o outro día, no sentido de atrasar as liñas, xuntarnos, que non haxa espazos. Seguir traballando nunha liña para, unha vez teñamos o balón, facer dano ao equipo rival. En Cádiz tivemos algunha oportunidade de gañar, tamén de perder. Cos erros do árbitro e do VAR, o Dépor podíase levar 3 puntos nun campo no que puntuar é moi complicado. Seguramente a moita xente non lle gustou o que viu. Pero se profundas un pouco no que é o partido, é un bo punto de partida, é un bo punto e é algo no que o equipo ten que empezar a crer para seguir mellorando".

"Se non creces como equipo pasan cousas como o ano pasado. Tes un gran cadro, pero peor traballado que outro tipo de equipos que realmente son os que subiron", conclúe.

Recoñece que "agora mesmo, desde a perspectiva que che dan as primeiras xornadas, hai equipos que están cun puntiño máis que nós. Non en canto a cadro. Ao final a maneira de xogar e a posición na táboa vaiche a dicir se o cadro é mellor, igual ou parecida á do ano pasado. Hai moito xogador que cando as cousas non saen do todo ben ou o equipo non está fino, son peores do que son e é o que está a pasar neste cadro. Estou seguro de que cando encadeemos un par de vitorias seguidas, a xente vai mostrar a súa mellor cara e vaise empezar a falar con máis optimismo do que é o equipo".

Preguntado pola charla da semana pasada entre o cadro e o Director Deportivo, Carmelo del Pozo, Dani Giménez cualificouna de "bastante distendida, deixando as cousas claras. Viuse reflectida no partido de Cádiz. ¿Que podemos facer agora para parar a sangría de goles, eses erros defensivos que estabamos a ter? ¿Como podiamos mellorar esa presión que nos estaba custando facer? ¿Que era o mellor para fabricar unha base coa que sustentar o resto da temporada?"

Cun novo partido en ABANCA-RIAZOR este domingo 29 de setembro ante o CD Mirandés (21:00 horas, Movistar LaLiga 1), opina o futbolista galego que "nunca é negativo xogar en casa. En ABANCA-RIAZOR temos que ser máis protagonistas co balón. A presión de xogar diante do teu público fará que a xente dea o seu verdadeiro potencial. Este cadro ten moito, moito máis do que está a mostrar e moito máis do que a xente cre".

Advirte que ante o cadro burgalés hai que gañar, "pero non gañar de calquera forma. Os 3 puntos serán importantísimos, pero temos que gañar dunha maneira que dea confianza ao equipo. Traballando e plantando as bases para que o equipo siga crecendo. En Cádiz foi un bo punto de partida e temos que seguir mellorando aos poucos: adiantando liñas, ter máis posesión, mellorar nas basculacións, que é algo que nos custa moito. Aos poucos soltarse e gañar duelos individuais, que nas primeiras xornadas o equipo non estivo ben. Sempre dentro dun equipo sobrio, sólido, ir crecendo".