RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez: "O vestiario parece outro en canto a moral"

Dani Giménez foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR, ao acabar o adestramento do Deportivo no Estadio.

A meta deportivista asegura que "nós cremos en nós mesmos e imos ir a gañar a Albacete" este domingo 26 de xaneiro no Estadio Carlos Belmonte (16:00 horas, Movistar LaLiga).

Do conxunto manchego, lembra o partido da primeira volta en ABANCA-RIAZOR: "Foi un partido que non merecemos perder. Daquela o Albacete tivo unha serie positiva de resultados, quizais non froito dun xogo definido como o ano pasado. Gañaron moitos partidos pola mínima, sufrindo até o final, metendo goles nos últimos minutos e sendo un equipo baseado na solidez".

Advirte que "non nos podemos relaxar" a pesar das 4 vitorias ligueiras consecutivas porque "cando te relaxas no fútbol... Podes estar arriba e con 2 derrotas podes ver ás pantasmas volver".

Máis que pensar en obxectivos a longo prazo, Dani Giménez, un dos pesos pesados do vestiario e un dos futbolistas con máis experiencia na categoría, pensa en "cada domingo. O míster dio sempre. Quédannos 9 partidos para gañar, para cumprir o obxectivo que nos fixamos coa súa fichaxe e coa chegada dos novos. Todo o que sexa pensar a medio prazo ou no partido que non toca vai ser negativo porque desvíache do camiño, desa mentalidade de pensar en que temos que mellorar, como temos que ler os partidos, que temos que facer para gañar, para seguir sendo sólidos".

Na súa opinión, os resultados do equipo nas últimas semanas "cambian todo. A mentalidade, afrontas os partidos doutra maneira, cousas que vas facendo mellor internamente dáslle máis importancia e traballas con máis ilusión eses aspectos. O potencial do equipo está a mostrarse e as cousas que traballas por fin valen para gañar 3 puntos".

De Fernando Vázquez destaca "a aura que el ten. A afección esperábao como salvador e parece que véndoo a el día a día, aos poucos a mensaxe cálache máis dentro. Ese cambio de mentalidade cálache un pouco máis porque estás a ver que ten esa aura capaz de facer cambiar a mentalidade".

Conclúe que a chegada do adestrador de Castrofeito "foi un gran cambio para todo o cadro. Hai que recoñecer que viñamos dunha situación malísima e moita xente dicía que calquera cambio a mellor vaise notar máis. Facer un cambio a mellor na maneira na que estabamos era moi complicado. O vestiario parece outro en canto a moral".

Insiste en que "cando os resultados saen, cando ves que estamos a traballar nunha idea de equipo e que esa idea de equipo dános resultados, fai crecer a todo o mundo. Enganchar á xente é básico. Temos sorte. Estou seguro que noutros equipos similares a resposta da afección fose moito peor ao que pasou aquí. Aquí contamos co apoio desde o principio. Os xogadores estivemos moi á marxe de todo o malo que pasou no Club. Vemos que a xente á mínima que damos responde, reacciona e empúxanos. Xogar en ABANCA-RIAZOR cheo, lembras eses partidos da temporada pasada ou mesmo o do Oviedo desta, fai que creas máis en ti, no equipo e que vas sacar os 3 puntos adiante".

Tamén queda Dani Giménez coa idea de fútbol de Fernando Vázquez: "Manexa moitísimos rexistros, explícaos moi ben. Sorprendeume o super actualizado que está. Coñecéndoo un pouco máis por estar en tantos equipos, ser galego e un referente en Galicia, sorprendeume como entende o fútbol. Con 2 ou 3 detalles que che poida dar do equipo contrario, fai traballar ao equipo durante a semana, fai crecer a intelixencia do xogador. Baséase moito en que os xogadores sexamos intelixentes, que tentemos ler o xogo e adaptémonos ao que toca en cada situación. Faltábanos antes. O equipo non tiña boa lectura das situacións que ían pasando. Tamén nos pesaba moito os sentimentos negativos que tiñamos cando xogabamos".