RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

David Simón: "Temos que dar un paso adiante, sempre desde a tranquilidade"

David Simón foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O lateral canario admite que "temos que dar un paso adiante, sempre desde a tranquilidade. É o momento de que cada un dea un paso á fronte e apertar un pouco máis".

Iso si, insiste en que "hai que estar tranquilos. Seguimos estando aí, a 3 puntos. É unha liga moi competitiva vistos todos os equipos que hai. Non vai ser fácil pero estamos aí. Traballando como o estamos facendo, aínda que non tivésemos os resultados que queriamos, desde a tranquilidade, a paciencia e dando un pasiño máis, pois o conseguiremos".

Entende que a xente se poña nerviosa: "Durante moitos partidos fixemos grandes partidos. Moitos equipos che halagan e ao final é mentira. Hai equipos que estamos moi parellos".

Subliña a pesar desa igualdade que "co equipo que temos e como estamos a traballar, volverán esas vitorias. Hai que ter confianza".

Prefire non falar de baixón e si de "pequeno baixón": "É normal. É unha temporada longa. Se cadra véñenche estes partidos un pouquiño con menos chispa, cun pouquiño de baixón físico dalgúns xogadores ou de que non entre a pelota. Entra dentro da normalidade. Hai que seguir adiante, deixar o pasado. Hai outro partido esta semana, moi importante. Os xogadores estamos con moitas ganas de estar a dar ese nivel que dabamos de xogo, de goles, de eficacia".

Recalca que "ningún do Dépor debe de entrar neste bucle de que temos un baixón. Estamos aí, a 3 puntos do primeiro. Durante a temporada pode haber estes baixóns. Nós mesmos somos os que o sabemos. O único que podemos facer é seguir traballando, seguir insistindo. E sobre todo que como no último partido con esas 5 ou 6 ocasións claras, que entre a pelota".

Aínda que o equipo leva 3 meses sen gañar lonxe de ABANCA-RIAZOR, David Simón lembra que "estivemos moitos partidos neste tempo a piques de gañar. E escapóusenos. Xa toca. Estamos todos con ganas de conseguir esa vitoria fóra. Oxalá que así sexa".

Do rival este sábado 12 de xaneiro en Son Moix (20:30 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV), o Real Mallorca, di o defensor deportivista que "é un pouquiño a revelación. Xogan moi ben. Son moi intensos, con xogadores moi bos".

Para poder puntuar, pide "ser nós mesmos. Ir a polos 3 puntos. Non temos que especular nada nin mirar a ninguén. Temos que mirar a nós mesmos e ser nós".

Vaticina un choque complicado porque "xogan en casa e cando xogan en casa teñen ese plus. Vai ser moi disputado. Temos que estar preparados para como saian eles".