RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

De Vicente cre que o Dépor "soubo competir en todo momento" e Quiles confesa que "gozamos moito"

Rafa de Vicente e Alberto Quiles, bigoleador en Murcia, pasáronse pola zona mixta da Condomina.

O mediocentro andaluz, ex xogador do UCAM, indicou que o partido foi "moi competido e moi duro tamén fisicamente. Que eles nos fixeran un un contra un aos nosos xogadores obrígache a ter moita mobilidade. Ademais os equipos de Salva son moi agresivos e lévanche ao límite".

Cre que "soubemos competir en todo momento, sabendo as súas debilidades e por onde podiamos nós facerlles dano. En xeral un partido bastante bo".

Está de acordo que o encontro foi o típico de Copa del Rey, "sobre todo para o espectador imaxínome que gozaría con tanto gol. Eles tamén viven moito das transicións. Iso fai que haxa moitos espazos e que cando teñas o balón veste obrigado a atacar porque atacas contra a defensa deles".

Rafa de Vicente opina que a Copa é un torneo "moi bonito pero é diferente. Encima a partido único, de ti a ti. Tes que ir a por o partido e quizais se vexan máis goles que en liga. Nós fixemos o noso partido e contentos coa clasificación. A esperar ao noso seguinte rival".

Pola súa banda, Alberto Quiles dixo estar "moi feliz polo pase, polos dous goles, porque o equipo traballou moito e gozamos moito do partido. Agora a pensar xa en liga porque este sábado temos tamén un partido moi bonito".

O dianteiro deportivista sostén que para o afeccionado "sería un partidazo, viu moitos goles. Nós cando vexamos o vídeo teremos que axustar cousas porque ti metes catro goles pero eles metéronche tres. Haberá que mellorar iso. Moi feliz polo pase".

Sobre Yeremay, aliado nos momentos decisivos do partido, Quiles subliñou que "xa sabemos a calidade que ten. Vímolo co Xuvenil A; co Fabril, que está a facer goles; connosco adestrando todos os días fai o que fixo hoxe porque ten esa maxia que poucos teñen. Alégrome moito por el porque é un mozo fenomenal".