RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Didier destaca en Oviedo "entrar en sintonía co partido desde o inicio"

Didier Moreno manifestou esta mañá ante os medios de comunicación, na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR, que o vestiario deportivista está "tranquilo, vivindo o momento, vivindo o día a día, coa conciencia de que temos que empezar a sumar, de seguir na nosa procura do obxectivo que temos".

Advirte o internacional colombiano que veñen agora "os partidos máis difíciles, as últimas xornadas con equipos máis competitivos, onde máis difícil vai ser gañar. É prepararnos no día a día para poder gozar e saír con esa convicción de que podemos sumar".

Compara a necesidade de gañar do Dépor coa do resto de equipos da categoría: "Haberá algúns máis que outro pero todos teñen a necesidade de gañar. Imos centrarnos en nós. Temos o desexo de poder ir a Oviedo (este domingo 31 de marzo ás 18:00 horas, Movistar Partidazo), facer un bo partido e sumar de 3, que nos siga encamiñando cara a ese gran obxectivo que temos". "Temos todas as armas para poder ir, competir e sumar", engade.

O triunfo no Estadio Carlos Tartiere, a xuízo do mediocentro deportivista pasa por "ir e competir. Entrar en sintonía co partido desde o inicio. Ímonos a enfrontar a un rival que tamén teñen as súas aspiracións. Imos ao noso, a buscar o partido e poder gañar".

O feito de que 3.000 deportivistas anunciasen a súa presenza no estadio ovetense, fai, segundo Didier, que "sintamos máis cómodos, que sintamos ese respaldo. Non son só os que están no campo, senón miles de persoas que acá sempre nos están mandando esas enerxías positivas".

A nivel particular, confesa ter "boas sensacións". Recoñece que tivo ao longo da temporada "altibaixos, pero gozando do día a día. Aprendendo do gran cadro humano que temos, do gran corpo técnico que temos. Hoxe volvendo ter minutos e gozándoo ao máximo".

Non quere valorar a opinión do deportivismo respecto do seu fútbol porque "o afeccionado está no seu deber de expresar o que ve e o que sente. As veces que saín ao campo tratei de gozar, de achegar. Hoxe estou tranquilo. Non tiven boas presentacións pero si que o gocei".