RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dobre compromiso oficial para a Suíza de Fabian Schär

A Selección Suíza, na que está citado o deportivista Fabian Schär, ten dobre compromiso oficial este mes de outubro, con dous partidos clasificatorios para o Mundial de Rusia 2018.

O sábado 7 de outubro, os suízos reciben a Hungría, ás 20:45 no Estadio St. Jacob-Park de Basilea.

E o martes 10, Suíza visita a Portugal, ás 19:45 (hora local), no Estadio da Luz en Lisboa.

Suíza é o actual líder do grupo 2 de clasificación europea con 24 puntos de 24 posibles. Séguelle Portugal, a 3 puntos de distancia.

Schär incorporarase á concentración do seu equipo nacional unha vez finalice o partido que o Deportivo dispute mañá sábado 30 de setembro no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Getafe, na 7ª xornada de LaLiga Santander.

Tytoń xogarase o Mundial con Polonia

O porteiro deportivista Przemysław Tytoń foi convocado pola selección nacional de Polonia para os seus próximos compromisos internacionais, dous encontros de clasificación para a Copa do Mundo de Rusia 2018.

O xoves 5 de outubro, Polonia visitará a Armenia, en partido que se disputará no Republican Stadium de Erevan, ás 20:00 hora local.

O domingo 8 de outubro, no último partido da fase de clasificación, o conxunto polaco recibirá a Montenegro no Estadio Nacional de Varsovia, a partir das 18:00 horas.

Polonia lidera o grupo 5 de clasificación para o Mundial 2018, con 19 puntos, seguido por Montenegro e Dinamarca (ambos con 16 puntos), polo que ten na súa man lograr a primeira praza e con iso o pasaporte a Rusia. En caso de caer á segunda posición, Polonia obtería case con total seguridade un billete a unha das catro eliminatorias a dobre volta que outorgan outras tantas prazas na fase final mundialista.

Tytoń, que foi chamado xunto a outros tres porteiros para os dous últimos partidos de Polonia e non entrou en acta en ningún deles, deberá incorporarse á concentración polaca, en Varsovia, o luns 2 de outubro ás 19:30 horas.

Decisiva cita de Celso Borges con Costa Rica

Celso Borges, un dos capitáns do Deportivo e un dos fixos na selección de Costa Rica, xógase co seu equipo nacional a clasificación para o Mundial de Rusia 2018.

O venres 6 de outubro, Costa Rica recibe a Honduras no Estadio Nacional de San José, nun partido que arrancará ás 20:00 (hora local, madrugada en España).

E o martes 10 de outubro, o equipo costarriqueño visita a Panamá, ás 19:00 horas (hora local, madrugada en España) no Estadio Rommel Fernández de Cidade de Panamá.

Costa Rica marcha segunda na clasificación do hexagonal final de clasificación da CONCACAF con 15 puntos, por detrás do líder, México, que alcanza os 18 puntos e xa ten o seu billete a Rusia. Terceiro é Panamá, que suma 10 puntos, e cuarto Estados Unidos, con 9 puntos. Os tres primeiros clasificados van directamente á fase final e o cuarto deberá disputar unha eliminatoria a dobre partido co quinto clasificado da zona asiática, cuxo vencedor tamén estará en Rusia.

Celso Borges viaxará á concentración do equipo nacional o domingo 1 de outubro.

Andone e Pantilimon, citados por Romanía

Florin Andone e Costel Pantilimon foron convocados pola Selección Romanesa para dous partidos oficiais clasificatorios para o Mundial de Rusia 2018.

Así, o xoves 5 de outubro Romanía recibe a Kazajistán (21:45, hora local) no Estadio Ilie Oanâ da cidade de Ploiesti.

E o domingo 8 de outubro, os romaneses visitan a Dinamarca (18:00, hora local) no Estadio Telia Parken de Copenhague.

Os dous xogadores do Dépor incorporaranse ao seu equipo nacional o domingo 1 de outubro.

Romanía marcha cuarta clasificada do grupo 5 de clasificación para o Campionato do Mundo de Rusia 2018, con 9 puntos. Lidera o grupo Polonia (19 puntos), seguido por Montenegro e Dinamarca (ambos con 16 puntos), co que Romanía xa non ten opcións de coarse na fase final.

Bakkali entra na preconvocatoria de Bélxica Sub-21

Zakaria Bakkali foi preconvocado pola Selección Belga Sub-21 para disputar dous partidos oficiais no próximo parón ligueiro de seleccións nacionais.

O venres 6 de outubro, Bélxica recibe a Suecia, e o martes 10, o combinado belga visita a Chipre. Ambos os partidos son clasificatorios para o Campionato de Europa da categoría.

Nos próximos días, a Federación Belga de Fútbol fará pública a lista definitiva. En caso de ser citado, Bakkali incorporarase o martes 3 de outubro á concentración do equipo.