RCD / NOVAS

Dous anos e un día de prohibición de acceso para o espectador que lanzou un petardo en Riazor

13/01/2017 16:49

O Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D. acordou incoar con carácter inmediato ao espectador J.L.R. un expediente disciplinario polo lanzamento, desde a súa posición na bancada de Marathón Inferior, dun petardo que, tras a súa explosión, causou gran balbordo e inseguridade entre os asistentes ao partido entre o Deportivo e o Betis celebrado no Estadio de Riazor o pasado día 21 de decembro de 2016.

Á vista do informe emitido polo Coordinador de Seguridade, de acordo coa identificación e cacheos realizados por parte dos policías da U.I.P. presentes no Estadio de Riazor durante o encontro deportivo antes referido, e considerando que o feito protagonizado por J.L.R. -o lanzamento e explosión dun petardo desde a bancada de Marathón Inferior-, pode ser constitutivo de infracción moi grave, de acordo co establecido no Regulamento Interno do Recinto do Club, o Órgano de Disciplina Social do Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., tramitou un expediente disciplinario ao espectador J.L.R. dando cumprimento ao preceptuado no Regulamento Interno do Recinto do Club.

O artigo 8 do referido regulamento accesible na web do Club: Regulamento Interno do Recinto do Real Club Deportivo describe, entre as actuacións de carácter moi grave, "O lanzamento de bengalas, petardos, explosivos ou, en xeral, produtos inflamables, fumíxenos ou corrosivos, así como de calquera outro obxecto". Pola súa banda, o artigo 9, letra C, dispón, "Por infraccións moi graves: prohibición de acceso ás instalacións onde se celebren acontecementos ou espectáculos deportivos organizados ou xestionados polo Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., por un período comprendido entre dous anos e cinco anos e perda da condición de socio/a ou abonado/a durante o mencionado período".

O Órgano de Disciplina Social do Club propuxo a imposición da sanción de "prohibición de acceso ás instalacións onde se celebren acontecementos ou espectáculos deportivos organizados ou xestionados polo Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D, por un período de dous anos e un día", proposta de sanción que xa se notificou ao interesado.

O Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D. reitera deste xeito o seu firme compromiso co fiel cumprimento de todas as disposicións normativas que regulan as obrigacións dos clubs de fútbol en materia de prevención e erradicación da violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte.