RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Dous córneres nos minutos finais complican o ascenso ao Dépor ABANCA (2-0)

O Dépor ABANCA dilapidou nos minutos finais e en senllos córneres o seu bo traballo defensivo e tráese de Granada dous goles de desvantaxe na eliminatoria definitiva polo ascenso a Liga F, cuxo desenlace terá lugar dentro dunha semana en Abegondo.

O partido arrancou con dominio coruñés, froito de varias recuperacións debido á presión alta. No minuto 3, un zurdazo desde 25 metros de Charle foise a córner após interpoñer o seu pé esquerdo unha defensa local. Durante o primeiro cuarto de hora, as branquiazuis chegaron á área rival en múltiples ocasións, case sempre mediante internadas de Ainhoa Marín pola dereita, pero ningunha atopou rematadora.

O conxunto granadino foi aos poucos gañando terreo e control, até o punto de que os únicos achegamentos claros na segunda metade do primeiro período foron cousa súa. No minuto 26, Laura Pérez encarou no extremo dereito a Samara e o seu potente dereitazo foise desviado. Tres minutos despois, Inés Altamira estivo providencial ao corte para evitar o remate de Alicia, soa dentro da área após un gran pase de culler de Naima. No córner, Lauri cabeceou ás mans de Lucía. No minuto 42, novo dereitazo afastado de Laura Pérez, esta vez máis frouxo e a mans de Lucía. En tempo engadido, Naima enviou ás nubes un libre directo moi próximo á liña da frontal da área.

A segunda metade tivo unha soa dirección, a da portería dunha Lucía que, sen ter que intervir en moitas ocasións, evitou algúns goles cantados. Como nada máis empezar, no minuto 47, cando tapou un duro disparo raso ao primeiro pau de, unha vez máis, Laura Pérez. No minuto 53, un centro de Alba Pérez buscaba a cabeza da uruguaia Pamela González pero anticipouse Inés Altamira para desviar a saque de esquina.

Á hora de xogo produciuse un dobre cambio no Dépor ABANCA, coas Carlotas entrando por Laura Fernández e Charle. A mala noticia chegou pouco despois, cos problemas musculares de Ainhoa Marín, que tivo que abandonar o terreo de xogo para deixar o seu sitio a Sara Navarro.

Lucía interveu decisivamente de novo no minuto 67, para despexar a córner nunha gran estirada un zurdazo de Naima. O único disparo branquiazul produciuse no minuto 69, un tiro afastado e centrado de Carlota Sánchez con bote previo que Sandra, demasiado confiada, tivo que atrapar en dous tempos.

Naima tentouno de novo no 72, con outro zurdazo afastado que se foi por riba do traveseiro. A resposta coruñesa produciuse no minuto 78, nun centro de Sara Navarro desde a dereita ao que non chegou por pouco Carlota Suárez e atrapou a porteira andaluza.

Co Dépor ABANCA xogando co tempo e mantendo baixo control ao seu rival durante máis de 10 minutos, produciuse un córner pola esquerda do ataque granadino, que Marta Carrasco peiteou no primeiro pau e Lauri levou ao fondo das mallas, tamén de cabeza e após golpear na parte inferior do traveseiro.

Xa cos 5 minutos de tempo engadido que sinalou a cuarta árbitra cumpridos, produciuse outro saque de esquina, esta vez á dereita da ofensiva granadina, que Lucía non puido despexar en condicións. Pamela González enganchou o balón solto ao bordo da área pequena e, após golpear no pau esquerdo, introduciuse na portería herculina.

Non houbo tempo tempo para máis e o partido concluíu co 2-0 favorable ao Granada CF. O billete á Liga F decidirase o vindeiro sábado a partir das 12:00 h. en Abegondo, nun partido que as branquiazuis deberán gañar por dous goles de diferenza para celebrar o segundo ascenso da súa historia á máxima categoría nacional.

Granada CF: Sandra, Alba Pérez, Postigo, Marta Carrasco, Gaste, Alicia, Pamela González, Laura Pérez, Lauri (Inés, min. 90+3), Naima e Ángeles (Noe, min. 75).

Deportivo ABANCA: Lucía, Cris, Inés Altamira, Raquel García, Samara (Monteagudo, min. 86), Paula Gutiérrez, Henar, Ainhoa Marín (Sara Navarro, min. 65), Laura Fernández (Carlota Suárez, min. 61), Charle (Carlota Sánchez, min. 61) e Millene (Eva Dios, min. 86).

Goles: 1-0 Lauri (min. 88); 2-0 Pamela González (min. 90+6).

Árbitra: Coral Couso Cuadrado (c. catalán). Cartón amarelo a Millene (min. 32), Samara (min. 73) e Postigo (min. 77).

Incidencias: partido de ida da final do playoff de ascenso a Liga F disputado no Estadio Nuevo Los Cármenes.