RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dura derrota do Deportivo en Almendralejo (2-0)

O Deportivo caeu na súa visita ao Extremadura UD, após encaixar dous goles na primeira media hora de encontro, o primeiro deles antes de cumprirse no minuto 5, na primeira acción de ataque do conxunto de Almendralejo.

O técnico deportivista, Luis César, cambiou catro pezas con respecto ás que presentou no partido da pasada xornada fronte ao Elche CF. Tres delas por obrigación, debido ás convocatorias internacionais de Lampropoulos e Montero e á lesión de Jovanović, e a outra, a de Álex Bergantiños, por decisión técnica. Bóveda, Somma, Borja Valle e Vicente Gómez foron os seus substitutos.

De novo na primeira acción clara de ataque do equipo rival, os branquiazuis víronse por detrás no marcador. O conxunto azulgrana eludiu a presión deportivista nun saque de banda no costado esquerdo do ataque local, Óscar Pinchi internouse na área e puxo o centro ao segundo pau onde Álex Díez, completamente só, cabeceou a pracer ao fondo das mallas. Non transcorreran nin cinco minutos desde o asubío inicial.

Os branquiazuis dispararon por primeira vez á portería estremeña no minuto 19, após unha recuperación de Koné, á que continuou unha veloz arrancada de Borja Valle, que acabou servindo a pelota á media lúa da área para Aketxe. O vasco perfilouse para a súa perna boa pero o seu zurdazo atrapouno Casto con seguridade.

A pesar de ter máis a pelota, o equipo coruñés non volveu poñer a proba ao porteiro contrario e recentemente superada a media hora encaixou o segundo tanto, nun contragolpe do Extremadura UD após un saque de esquina a favor que Bóveda non puido rematar por pouco. A acción culminouna na outra portería Zarfino após asistencia de Diego Caballo.

A segunda metade comezou cun cambio no equipo branquiazul. Mollejo quedou na ducha e no seu lugar ingresou no terreo de xogo Longo. Deste xeito, o Deportivo pasou a xogar con dúas puntas, co que Aketxe, até entón mediapunta, pasou a xogar máis aberto á dereita.

Aínda que a formación local saíu con forza, a primeira ocasión tívoa o Deportivo. No minuto 51, Koné cabeceou un centro ás mans de Casto. Respondeu rápido o Extremadura UD, por medio de Álex Díez. O seu disparo desde o bordo da área rexeitouno a córner Dani Giménez a pesar de que o balón fixo un estraño. Acto seguido, Koné dispuxo dun balón con moito espazo, O marfileño viuse só e, ademais, viu a Casto moi adiantado, co que tratou de sorprendelo cun disparo lonxano por baixo. O meta reaccionou xusto a tempo para facerse co esférico en dous tempos.

Superada a hora de xogo, xa con Christian Santos acompañando a Longo en ataque após entrar en lugar de Aketxe e con Koné escorado á esquerda, o marfileño realizou dúas boas accións individuais. En ambas recortou cara a dentro e soltou senllos canonazos co pé dereito, aos que respondeu con acerto o gardameta azulgrana.

A pouco máis de 10 minutos da conclusión, Beto da Silva entrou por Vicente Gómez. O seu primeiro contacto co balón estivo a piques de acabar en gol, cando cazou un balón solto na área e sacouse unha volea á media volta ante a que respondeu Casto nun enorme alarde de reflexos.

Extremadura UD: Casto, Alex Díez, Jesús Rueda, Pardo, Borja Granero, Caballo, Kike Márquez (Sergio Gil, min. 87), David Rocha, Zarfino (Willy, min. 89), Nono e Óscar Pinchi (Mújica, min. 81).

RC Deportivo: Dani Giménez, Mujaid, Bóveda, Somma, Salva Ruiz, Vicente Gómez (Beto da Silva, min. 78), Peru Nolaskoain, Mollejo (Longo, min. 46), Aketxe (Christian Santos, min. 61), Borja Valle e Koné.

Goles: 1-0 Álex Díez (min. 5); 2-0 Zarfino (min. 33).

Árbitro: Trujillo Suárez (c. tinerfeño). Cartón amarelo a Kike Márquez (min. 38), Longo (min. 59), Óscar Pinchi (min. 64), Peru Nolaskoain (min. 71) e Borja Granero (min. 79).

Incidencias: partido da 16ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio Francisco da Hera ante 6.869 espectadores.