RCD / NOVAS

"É un orgullo formar parte deste proxecto", asegurou Natxo González na súa presentación

20/06/2018 16:39

José Ignacio González Sáenz (29 de xullo de 1966, Vitoria), coñecido no mundo do fútbol como Natxo González, foi presentado este mediodía na Cervecería de Estrella Galicia na Coruña como novo adestrador do RC Deportivo para a temporada 2018-19, con opción a unha campaña adicional. "Espero estar máis", desexa, aínda que é consciente que "o fútbol é o día a día, así hai que gozalo. Imos ver o que depara o futuro".

Chega ao Estadio ABANCA-RIAZOR só de momento, e nos próximos días, a Dirección Deportiva acabará de configurar o seu corpo técnico.

Tino Fernández, Presidente do Deportivo, abriu o acto para dar a benvida ao adestrador: "Estamos convencidos da súa ilusión, como así o demostrou ao longo de todo o proceso negociador".

O máximo dirixente branquiazul confirmou a "confianza absoluta nas posibilidades de Natxo González".

A continuación, o adestrador vitoriano tomou a palabra. Antes de nada destacou que "é un orgullo formar parte deste proxecto, nun club da historia do Deportivo". Agradeceu ao Presidente "a confianza que depositastes en min", e recalcou que a súa chegada á Coruña supón "un salto cualitativo na miña progresión".

Lembrou que "tiven que picar moita pedra para chegar até aquí", á vez que explicou que a súa base é "o traballo, o compromiso e a profesionalidade".

Preguntado polo obxectivo do ascenso, prefire centrarse "no camiño, para ter opcións de chegar ao obxectivo final. Será un camiño de moita dificultade, ímonos atopar moitos obstáculos que temos que ir sorteando". "Sabemos o duro que é isto. Non me podo obsesionar con que 'teño que ascender, teño que ascender'", engade.

Argumenta para iso que "non hai máis que ver os clubs que hai na categoría. Dos tres que baixaron o ano pasado non subiu ningún e dous nin se meteron no playoff de ascenso".

Após indicar o seu paso por clubs como o Zaragoza ou o Reus, declárase un "coñecedor a Segunda División. Sei da súa dificultade". Por este motivo, insiste en que ao Dépor espéralle "un maratón de moitos quilómetros, que cando cheguen momentos de desfalecemento hai que levantarse".

Manifestou que a súa idea de xogo "teño que falala co equipo, teño que demostrar que é a correcta e que o grupo confíe nela".

Iso si, non ocultou o seu gusto por ser "sólidos, solidarios, con gran compromiso no esforzo e a partir de aí dominar os máis rexistros posibles".

Admitiu o seu desexo de que, no seu cadro, estean "os mellores xogadores posibles en cada demarcación. Carmelo (del Pozo) e eu estamos en continua comunicación".

Iso si, cualificou Natxo González de "fantásticas" as contratacións (Dani Giménez, Dubarbier e Álex Bergantiños) até a data e insistiu en que "cada movemento que se fai imos da man. A idea é formar un gran grupo de traballo. É o primeiro paso para conseguir cousas".

Cuestionado sobre o papel da canteira de Abegondo no novo Dépor, o técnico branquiazul indicou que "o ano pasado (no Real Zaragoza) subiron catro xogadores de Terceira División e xogaron moitos minutos". Por este motivo, asegura que non lle vai tremer a man á hora de subir xogadores ao primeiro equipo.

Pola súa banda, Carmelo del Pozo, sentado á esquerda de Natxo González, pediu sobre o cadro "paciencia, porque aos poucos irán entrando as pezas" que configurarán ao novo Dépor.

De Pedro Sánchez, ex futbolista do Granada CF que queda libre, dixo que "é un moi bo xogador de Segunda División. Ten moitas noivas", apostilou após confirmar o interese do Deportivo.

Sobre Dubarbier, Carmelo cre que é un " xogador interesante con percorrido en Segunda División"; e de Róber Pier, a temporada pasada no Levante, apuntou que o Club lle fixo chegar "unha oferta económica moi mellorada" e, por conseguinte, o único problema actualmente é "deportivo. Hai que darlle un pouco de tempo para que decida".

Asegurou que o traspaso de Luisinho é "unha operación moi boa no económico e no deportivo"; e confirmou que haberá nos próximos días "caras novas na área deportiva", con xente que "traballou "noutros clubs e está a traballar noutros clubs".

Mostrouse Carmelo del Pozo partidario de realizar unha presentación con todos os cargos nos que se explique as funcións de cada un.

Nesta liña, Tino Fernández manifestou que o Club ofreceu a Joan Capdevila o posto recentemente creado de Director de Relacións Deportivas: "O proxecto é ilusionante para el. Activarémolo con outros nomes se el finalmente non pode trasladarse á Coruña", concluíu o presidente deportivista.

Máis novas de: NATXO GONZÁLEZ

RCD / Vídeo