O Dépor botou o peche ao ano 2025 con derrota por 1-0 ante o FC Andorra este sábado 20 de decembro en partido correspondente á 19ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Este resultado deixa a Os Nosos con 32 puntos na zona privilexiada da clasificación.
O equipo recuperou a Lucas Noubi e Villares, sancionados a pasada fin de semana ante a Real B e titulares ambos o martes en Copa del Rey ante o RCD Mallorca.
Seguen de baixa por lesión Ximo Navarro, Daniel Bachmann e Escudero; aínda que os dous primeiros xa fan tarefas co grupo.
Os Nosos conclúen desta forma outra cargada semana de competición con partido ligueiro o sábado 13 ante a Real Sociedad B e copeiro o do martes 16 fronte ao Real Mallorca, ambos en ABANCA-RIAZOR.
Pola súa banda, o FC Andorra, que a pasada fin de semana impúxose por 0-1 en Valladolid, chegaba ao encontro na 17ª posición con 21 puntos.
No conxunto andorrano milita como cedido Alex Petxarroman, que finalmente non entrou na convocatoria.
Achegouse antes do primeiro minuto o FC Andorra á área deportivista. Jastin métese cara a dentro partindo desde a esquerda e ao seu centro non chega por pouco Nieto.
De Eddahchouri foi o primeiro remate aos 3 minutos. Sacou ben abaixo o porteiro Aron.
Puido marcar o Dépor aos 11 minutos.
Nunha mala saída de balón andorrano, e co mera Aron adiantado, Luismi lanza unha vaselina de lonxe ao traveseiro. O rexeite cae a Eddahchouri, que libre de marca e sen porteiro dispara alto. Corría o minuto 13.
No outro área, Justin xutou frouxo ás mans de Germán e case na xogada seguinte, Villares conduce unha contra que acaba nos pés de Eddahchouri. O holandés dispara moi forte pero lixeiramente desviado.
"Empezamos moi ben, con ocasións clarísimas. Se non te pos por diante penalízache. Sabiamos da dificultade desa presión durante tanto tempo. Seguramente iso quitounos pernas ao final", lamentouse Antonio Hidalgo na sala de prensa.
Aos 28 minutos, o colexiado do encontro, o castelán-leonés Eder Mallo, anulou un gol a Lautaro ao apreciar falta do dianteiro do FC Andorra.
Esta acción espoleou aos andarranos e enfadou ao propietario do Club, o ex barcelonista Gerard Pique, posto que o árbitro recolleu na acta a seguinte frase do ex futbolista no descanso: "Que fácil é pitar aos pequenos".
Germán evita co seu corpo un man a man de Lautaro.
Creceuse o FC Andorra, que por momentos encerrou ao Dépor no seu campo; iso si, sen incidencias no marcador.
Após o paso polos vestiarios, Gragera relevou a Jose Ángel, que tiña un cartón amarelo.
A primeira da segunda metade foi para Villares no 52. Cabeceou en plancha fóra por pouco un gran centro de Quagliata.
Pouco despois, Yeremay rematou alto un pase atrás de Luismi Cruz desde a dereita.
Na área do Dépor, Molina xutou tamén por encima da portería, pero neste caso a de Germán.
O partido estaba totalmente aberto.
Antonio Hidalgo volve apostar por Bil, que substitúe a Eddahchouri no minuto 64.
A súa entrada coincidiu cunha fase de dominio andorrano por falta de pernas segundo apuntou Antonio Hidalgo. Tocou defender con todo en campo propio.
Villahermosa xuta alto na área alta rodeado de defensores xusto antes de que Mella e Stoichkov relevasen a Luismi e Eddahchouri.
Adiantouse o FC Andorra no minuto 77 noutra xogada desde banda dereita que Lautaro remata a pracer libre de marca na frontal da área pequena.
No entanto tivo o empate Loureiro nunha falta lateral no 86. A súa cabezada franca márchase lixeiramente alto.
O Dépor vén sen puntos de Andorra.
Antonio Hidalgo lembra que "isto vai de meter goles. O FC Andorra fixo un, nós ningún. E por iso gañou".
FC Andorra: Aron, Gael Alonso, Villahermosa, Akman (Le Normand, min. 82), Nieto (Minsu, min. 55), Álvaro M. (Marc Domenech, min. 86), Lautaro (Uzkudun, min. 86), Molina, Jastin (Álex Calvo, min. 82), Carrique e Martí Vilà
Deportivo: Germán, Noubi, Loureiro, Dani Barcia, Quagliata, Villares (Cristian Herrera, min. 79), Jose Ángel (Gragera, min. 46), Luismi Cruz (Mella, min. 73), Mario Soriano, Yeremay (Stoichkov, min. 73) e Eddahchouri (Bil, min. 64)
Árbitro: Eder Mallo, do comité castelán-leonés. Amoestou a Uzkudun (min. 22), Jose Ángel (min. 34), Akman (min. 59), Gragera (min. 64), Gael Alonso (min. 79), Stoichkov (min. 90+2) e Mario Soriano (min. 90+4)
Goles: 1-0 Lautaro (min. 77)
Incidencias: partido disputado no Nou Estadi Encamp ante 2.620 espectadores. O saque de honra un futbolista do equipo genuine do FC Andorra. Animaron sen césar uns 200 afeccionados deportivistas.
