RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Empate nun Dépor-Athletic de 1X2 (2-2)

O Deportivo volveu puntuar após dúas derrotas seguidas, ao recolleitar un empate ante o Athletic de Bilbao, que se adiantou en dúas ocasións nun partido que puido acabar con calquera dos signos quinielistas.

O técnico deportivista, Cristóbal Parralo, realizou numerosos cambios con respecto ao equipo que saltou de inicio do céspede da Rosaleda hai unha semana. Os sancionados Luisinho e Guilherme deixaron o seu sitio a Fernando Navarro e Pedro Mosquera. Os lesionados Sidnei e Zakaria Bakkali foron substituídos por Raúl Albentosa e Adrián. E o recuperado Juanfran volveu ao once en detrimento de Gerard Valentín. Un total de cinco cambios.

Até o minuto 14 non se produciu un achegamento perigoso. Unai Núñez rematou acrobáticamente unha deixada de cabeza de Aymeric Laporte, á saída dun saque de esquina. O balón marchouse preto do pau esquerdo da portería coruñesa, que Rubén tiña ben cuberto. Instantes despois, Mikel Rico culminou un ataque trenzado do Athletic cun lanzamento demasiado alto.

E cando se cumpría o minuto 16, unha triangulación do ataque branquivermello ao bordo da área acabou a pés de Markel Susaeta, que no man a man ante Rubén non perdoou, anotando o primeiro gol do partido.

O Dépor acariñou o empate case de inmediato, no minuto 18. Lucas botou un córner ao primeiro pau, onde Adrián peiteou picado, con moitísima intención, pero o esférico estrelouse no lateral esquerdo da rede da portería vasca.

De novo Adrián roldou o gol, no minuto 22, após facer unha parede dentro da área con Lucas e recortar a Iturraspe. O seu disparo por baixo, con todo, foi demasiado frouxo e Kepa Arrizabalaga chapou o esférico con seguridade.

No minuto 26 produciuse unha dobre ocasión para os branquiazuis. Primeiro, nun remate mordido de Borges, após deixada de cabeza de Adrián no segundo pau. Con Kepa batido, Laporte despexou de cabeza practicamente sobre a liña de gol. O rexeite caeu a Fede Valverde, que rematou igual de mordido desde a frontal da área, nesta ocasión desviado, á dereita do marco visitante.

O Dépor dominou con maior insistencia e froito diso chego o empate. No minuto 35, un centro de Fede Valverde rematouno de volea no segundo pau Pedro Mosquera. O balón paseouse pola área pequena, pero Adrián acertou a colocar o interior do seu pé dereito para cruzalo ao lado contrario e coller a contrapé ao gardameta bilbaíno.

A menos de cinco minutos para o intermedio, Rubén evitou o segundo tanto visitante, nunha cabezada de Laporte que rexeitou nunha gran estirada, coa súa luva esquerda. Cando a primeira metade expiraba, Mikel Rico tirouse na área deportivista após un leve contacto con Schär, desperdiciando deste xeito unha clara oportunidade para o conxunto biscaíño.

A segunda parte comezou cun cambio na formación herculina. Edu Expósito ocupou a posición de Pedro Mosquera en mediocampo. Ambos os equipos mostráronse máis conservadores neste período, como no inicio do encontro. Até pasados o dez minutos non se produciron accións de perigo. Nunha delas, a afección deportivista pediu penalti nunha acción de Mikel Rico sobre Fede Cartabia, na que o branquivermello foi co pé moi arriba.

Pouco despois, xusto á hora de xogo, o Athletic adiantouse novamente. Iñaki Williams desmarcouse no interior da área en busca dun balón unha profundidade enviado por Raúl García e superou a Rubén cun remate cruzado.

Cinco minutos máis tarde, Mikel Rico acariñou o 1-3 nun disparo lonxano co seu pé esquerdo. O coiro escapouse rozando o poste dereito do portal coruñés. O 1-3 evitouno, no minuto 69, o poste esquerdo da portería branquiazul, nun derechazo desde fóra da área de Ander Iturraspe.

Despois duns minutos de insistente dominio, o Dépor logrou o empate por medio de Fabian Schär. O central suízo remachou no segundo pau un córner botado por Lucas e peiteado no primeiro pau por Adrián. Corría o minuto 76.

Pouco despois, no minuto 78, a Williams caeulle un balón solto na área e, con todo a favor, fallou o seu remate. Aínda así, a pelota estrelouse na parte exterior do poste dereito da portería de Rubén. Instantes antes, unha nova longa e continuada acción ofensiva do Dépor concluíuna Fede Cartabia cun duro disparo, pero excesivamente centrado, que detivo Kepa Arrizabalaga.

Na última acción do encontro, Juanfran tivo o balón da vitoria. Un centro pasado de Fernando Navarro recolleuno Carles Gil, que cedeu para o lateral dereito. Após buscar maior ángulo cun recorte sobre Mikel Rico, Juanfran conectou un remate co seu pé esquerdo, pero marchouse por encima do traveseiro.

Co punto sumado, o Dépor sitúase con 12, con 5 de marxe sobre os postos de descenso á espera do que faga esta tarde Las Palmas en San Sebastián, e igualmente a 5 da zona media-alta da táboa.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Schär, Fernando Navarro, Pedro Mosquera (Edu Expósito, min. 46), Borges (Andone, min. 64), Fede Valverde, Fede Cartabia (Carles Gil, min. 85), Adrián e Lucas.

Athletic Club: Kepa Arrizabalaga, Eneko Bóveda, Laporte, Unai Núñez, Balenziaga, Iturraspe, Mikel Rico, Williams, De Marcos (Raúl García, min. 54), Susaeta e Aduriz.

Goles: 0-1 Susaeta (min. 16); 1-1 Adrián (min. 35); 1-2 Williams (min. 60); 2-2 Schär (min. 76).

Árbitro: González González (c. castelán-leonés). Cartón amarelo a Pedro Mosquera (min. 39), Fede Cartabia (min. 44), Edu Expósito (min. 68), Laporte (min. 71) e Albentosa (min. 87).

Incidencias: partido da 13ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 20.879 espectadores.