RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Empezan os amigables para os deportivistas. De Guzman mídese este sábado a Brasil

Á marxe do Catalunya-Arxentina do pasado sábado, no que xogaron os deportivistas Sergio, Lopo, Verdú e Cristian; arrincan os amigables para os xogadores do Deportivo convocados polas súas respectivas seleccións.

De Guzman ten previsto xogar con Canadá un partido amigable en Seattle o 31 de maio fronte a Brasil. O obxectivo é preparar a primeira eliminatoria de clasificación para o Mundial de Sudáfrica 2010, cuxo rival será San Vicente e Granadina; preparación que se completará cun novo amigable o 4 de xuño en Panamá. A ida entre Canadá e San Vicente e Granadina será o 15 de xuño en San Vicente e a volta en Montreal o 20 de xuño.

        Guinea Ecuatorial tamén ten catro compromisos este mes de xuño clasificatorios para o Mundial: ante Serra Leona (1 de xuño), Sudáfrica (7 de xuño) e Nixeria (15 e 21 de xuño).

        Coloccini xa está concentrado con Arxentina. Os rivais da albiceleste serán México en San Diego (Estados Unidos) o día 4; e Estados Unidos en Nova York o día 8 de xuño.

        Precisamente Andrés Gardado verase as caras con Coloccini en San Diego o próximo 4 de xuño. O día 8 de xuño o combinado centroamericano enfrontarase en Chicago (Estados Unidos) a Perú. Os outros dous compromisos que ten programados México son clasificatorios para o Mundial de Sudáfrica 2010: o 15 de xuño en Houston (Estados Unidos) fronte a Belice e a volta o 21 de xuño en Monterrey (México) fronte á Selección de Belice.