RCD / NOVAS

Emre Çolak foi titular con Turquía e Kakuta non chegou a xogar co RD Congo

05/06/2017 22:23

- Foto: www.tff.org -

Dous deportivistas, Kakuta e Emre Çolak, tiveron partido amigable hoxe luns 5 de xuño coas súas respectivas seleccións nacionais.

Kakuta non chegou a saltar ao céspede ante Botswana

O xogador branquiazul Gaël Kakuta atópase concentrado co seu equipo nacional, o RD do Congo, desde o pasado xoves 25 de maio en Rabat (Marrocos).

Esa concentración servirá de preparación para o partido clasificatorio para a Copa de África Camerún 2019, que se xogará o sábado 10 de xuño no Stade des Martyrs de Kinshasa (18:30, hora local) ante a República do Congo.

Hoxe, a RD Congo disputou un amigable ante Botswana en Rabat. Gañaron os congoleños (2-0) sen Kakuta, que non chegou a saltar ao terreo de xogo, quizais pensando no partido oficial do próximo sábado.

Emre Çolak foi titular con Turquía fronte a Macedonia

Hoxe luns, Turquía, con Emre Çolak no once inicial, visitou Macedonia nun partido amigable que se xogou na capital Skopje.

Houbo empate sen goles (0-0), e o centrocampista do Dépor foi substituído no minuto 79 por Yilmaz.

O domingo 11 de xuño, Turquía, xa en partido clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018, enfróntase a Kósovo ás 20:45 (hora local), no Loro Borici Stadium da cidade albanesa de Shkoder.

Marrocos mídese a Camerún en partido oficial

O sábado 10 de xuño, Marrocos, con Fayçal Fajr, visita Camerún, en partido que se xogará no Estadio Omnisports Ahmadou-Ahidjo de Yaoundé, clasificatorio para a Copa de África. O encontro arranca ás 15:00 (hora local).

O centrocampista branquiazul foi titular no amigable do mércores 31 de maio ante Holanda no Gran Estadio de Agadir. Foi relevado no último minuto do encontro por Bammou. O partido levouno Holanda por 1-2.

Celso Borges prepara o partido do xoves fronte a Panamá

Este xoves 8 de xuño, Costa Rica, con Celso Borges entre os convocados, recibe a Panamá (20:00, hora local) no Estadio Nacional de San José, capital do país centroamericano.

O martes 13 de xuño, á mesma hora e no mesmo escenario, os 'ticos' mídense a Trinidad e Tobago.

Ambos os encontros son clasificatorios para o Mundial de Rusia 2018.

Florin Andone, na selección de Romanía

O sábado 10 de xuño, a selección romanesa, na que se atopa Florin Andone, visita a Polonia, en partido clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018, que comezará ás 20:45 en Varsovia.

A continuación, o martes 13, Romanía mídese a Chile nun partido amigable que terá lugar na cidade de Cluj.

Máis novas de: EMRE ÇOLAK, KAKUTA, BORGES, ANDONE

RCD / Noticias Relacionadas