RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Eneko Bóveda asegura que o domingo en ABANCA-RIAZOR "temos un partido precioso, o máis bonito, o máis importante do ano"

Eneko Bóveda subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "temos un partido precioso agora, o máis bonito, o máis importante do ano", a alusión á visita do Extremadura UD a ABANCA-RIAZOR prevista para este domingo 12 de xullo (17:00 horas, Movistar LaLiga).

Para encarar este choque pide "dar as menos voltas posibles á cabeza. A competir, a gozar da competición e dun premio humilde pero importante para nós agora mesmo; e que está aí".

En canto á clasificación, observa que "a todos os equipos cústalles enlazar unha vitoria após outra. Por iso aínda que ás veces pensemos se gaña non sei que equipo 3 partidos métese, se gaña o outro 3 partidos sáese. Logo nunca se dá porque ninguén gaña 3 partidos seguidos. Tentaremos ser nós ese equipo e sobre todo sacar unha vitoria canto antes. Ese é o obxectivo que temos, sen mirar demasiado a calendarios doutros equipos nin facer quinielas nin demais. Estar ocupados onde realmente podamos influír e preparar o partido como o máis importante do ano".

Caso de selar a permanencia, o defensor branquiazul sostén que "non se me ocorrería ir co peito fóra pola Coruña por conseguir a salvación en Segunda División; pero dentro do vestiario sería un logro, un desafogo tremendo porque realmente en moitos momentos estivo difícil. Segue estando difícil tamén e seguro que polo camiño moitos perderan a fe. En privado e coa boca pequena celebrariámolo moitísimo".

Asegura que as horas posteriores ao partido en La Rosaleda foron "malas" polo seguinte motivo: "Non estivemos ben en Málaga. Estivemos incómodos e a todo iso uniuse que acabou sendo un resultado malo. É o que máis amola, o que che fai darlle máis voltas á cabeza. Nun momento no que as sensacións, na que o equipo, entrando uns e outros, estaba a responder moi ben, entristece que nun momento onde era importante dar ese bo nivel non o désemos".

A pesar diso, insiste en que "agora temos unha nova oportunidade. En puntos o obxectivo da salvación está preto pero tamén o final de liga está preto. Aí está a dificultade e o respecto que temos que ter a un obxectivo que nun momento dado complicárasenos moito e que agora despois de cada partido parece que está lonxe ou preto".

Precisamente do Extremadura UD, que chega a ABANCA-RIAZOR descendido a Segunda División B, Bóveda advirte que "cando te estás xogando algo moi importante pódeche servir para facer esforzos extra que noutras circunstancias non farías ou che pode influír como unha mochila pesada coa que cargas e déixache paralizado. É unha arma de dobre fío. Respectar ao Extremadura como calquera rival da categoría. O mellor é esperar un bo rival e desde ese respecto preparar o partido e sobre todo buscar un bo Dépor".

A nivel individual, o defensor vasco indica que "todos tiñamos a dúbida de como iamos responder ao de xogar, xogar e xogar. Tiven a sorte de contar con bastantes minutos. A sensación é que o corpo se adapta a ese ritmo de xogar, recuperar, adestrar un pouquiño e volver xogar. O corpo afaise e non fai demasiada madeixa".

Opina iso si que "está a haber máis lesións do habitual. Moitos ademais na primeira metade. Iso vén directamente relacionado con esa carga de minutos. Se tes a sorte de esquivar esas lesións o rendemento pode ser óptimo a pesar de xogar 2 partidos á semana".