RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Entre todos vai ser moito máis sinxelo conseguir un bo resultado", asegura José Luis Martí

José Luis Martí manifestou na sala de prensa de Abegondo que mañá mércores en ABANCA-RIAZOR ante o Málaga CF (21:00 horas, Movistar Partidazo), con motivo da ida das semifinais do playoff de ascenso a LaLiga Santander, é "o partido. Non hai máis. Mañá só xogamos un, que é este, sabendo que vai haber unha volta. Pero conscientes da importancia de non encaixar gol no teu campo, sabendo que nas eliminatorias vale dobre o gol en campo contrario. Confiados e con esa sensación de que o equipo chega nun bo momento. Enfrontámonos a un rival moi potente que nos vai a poñer as cousas moi difíciles. En momentos puntuais vai ter a posesión de balón porque é o que está a traballar nas últimas xornadas. Pero nós somos capaces de facerlle fronte".

O técnico deportivista está convencido de que "en ningún caso, pase o que pase, a eliminatoria vaise decidir aquí. Sempre no partido de volta. Calquera resultado é sempre susceptible de darlle a volta, independentemente de quen sexa o local ou visitante. O partido de volta é o que vai decidir un pouco todo".

Asegura que o Dépor neste playoff "non vai cambiar a idea que nos trouxo até aquí, pero logo o partido afróntase de diferentes maneiras polas circunstancias que se provocan no mesmo terreo de xogo. Enfrontámonos a un rival que é capaz de ter a posesión de balón, que traballa moi ben con ela, que ten moitos xogadores por diante do balón. Se somos capaces de recuperar cando o teñan, imos poder transitar rápido e tentar facer perigo. A partir de aí o máis importante é ser nós os que teñamos esa posesión, ser capaces de manexar o encontro a través do balón e xerar moitas ocasións de gol".

Concede moita importancia ao aspecto mental nunha eliminatoria deste tipo: "É moi importante manexar todo este aspecto mental, emocional en canto ás circunstancias, porque vai haber momentos bos, momentos malos dentro dunha eliminatoria dentro dun terreo de xogo. Durante un mesmo partido hai situacións favorables para un equipo, desfavorables para o outro. Pero tamén o aspecto mental e o aspecto físico son moi importantes. Fisicamente desgasta bastante. Temos que manexar esa situación para dar minutos a moitos xogadores e ir refrescando ao grupo".

Tamén pide "saber manexar ese momento de euforia como vivimos a fin de semana pasada, e saber que debemos estar no noso traballo. Pero para nós é espectacular ter este ambiente, esta afección envorcada co equipo, demostrando o agarimo e o respecto polo traballo dos futbolistas. Entre todos vai ser moito máis sinxelo conseguir un bo resultado".

Sobre a situación na que chegan os dous equipos a esta eliminatoria, José Luis Martí sostén que "nós chegamos obrigados a conseguir un obxectivo que nos marcamos a principio de temporada. Non chegamos a un playoff porque nas últimas 3 xornadas os rivais fallasen. Chegamos porque en 41 xornadas xogadas, quitando a do Reus que non se xogou, o equipo fixo máis puntos que o 7º clasificado. Por iso chega a esa situación, non por outra. Non temos outra cousa na cabeza que non sexa tentalo. Pero para iso temos que traballar este partido en concreto, sabendo as circunstancias: xogamos no noso campo, temos enfronte un rival que tamén está nun bo momento, pero somos capaces de facerlle fronte e de superalo".

Do Málaga CF, destaca o adestrador branquiazul non só a N'Diaye, senón tamén aos "dous xogadores que ten rápidos por fóra; teñen ao dianteiro centro que tamén é capaz de aguantar, de protexer; Adrián ten moitísima chegada; e Ontiveros, polo momento de forma en que se atopa, posiblemente sexa o mellor da temporada. Trátase do conxunto en total".