RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Está a verse que non se saca todo tan fácil", advirte Edu, cauto ante a visita do AD Alcorcón

Edu Expósito foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

O centrocampista tamén cre que "é o momento" de consolidarse na zona alta da clasificación de LaLiga 1|2|3: "Os partidos que tocan son en ABANCA-RIAZOR, ante a nosa xente, e temos que saír vitoriosos diso".

Iso si, advirte que "hai que pensar en cada partido porque se hai un fallo vai ser un drama moi grande. Temos que centrarnos neste partido contra o AD Alcorcón. Primeiro temos que facer un gran partido. Se estamos a un bo nivel, ímolo a poder sacar adiante. Se pensamos que xa o sacamos, que imos xogar en ABANCA-RIAZOR, non é así. Está a verse que a cousa custa, que non se saca todo tan fácil. Confío no equipo. Se estamos á altura que temos que estar, ímolo a sacar adiante sen ningún problema".

Confía Edu no Dépor porque "o equipo está a facer cousas moi boas. viña falando hai tempo de que fóra de ABANCA-RIAZOR non se gañaba, non se conseguían as cousas. Está a verse un equipo totalmente diferente ao que viña vendo a principio de temporada. Agora temos que dar ese plus para seguir sumando e estar aí arriba".

Recoñece que os partidos na Coruña "están a custarnos un pouco. Non están a saír os resultados que queriamos. No último partido contra o Nàstic escapáronsenos 2 puntos. Agora toca un novo partido en ABANCA-RIAZOR e hai que afrontalo da mellor maneira, coa cabeza limpa".

Precisamente non atopa explicación aos últimos empates en casa, ante Tenerife e Nàstic: "Se a houbese, tentariámola corrixir, cambiar. Toca así. É un mes importante para nós porque xogamos en ABANCA-RIAZOR. Imos poñer todos os sentidos nestes partidos".

Cualifica o partido do AD Alcorcón, que conta nas súas filas con ex deportivistas como Cristóbal Parralo, Javi Manjarín, Luis Fandiño ou Borja Galán, como "un partido máis. Cunha importancia grande porque nos van quedando menos xornadas. Ao final ves a xente coñecida, que che adestrou, que che axudou a crecer. E compañeiros como Borja Galán, que é unha pena que non poida estar. Deséxolle o mellor. Neste partido non, porque quero que gañe o meu equipo, pero o mellor no futuro".

Preguntado por Cristóbal, se sente "moi feliz por el porque se merece estar onde está, como lle están saíndo as cousas. É verdade que levaba unha xeira non moi positiva, pero esta semana volveron gañar. É un adestrador moi bo e voulle a desexar sempre o mellor, porque a min me axudou moito".