RCD / NOVAS

"Estamos entre os mellores e con todas as opcións intactas", recalca Natxo González

05/04/2019 18:49

Natxo González manifestou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o Deportivo afronta o encontro de mañá sábado 6 de abril ante o Rayo Majadahonda (16:00, LaLiga 1|2|3 TV) "coa ilusión de poder achegarnos ou propor nosa mellor versión, primeiro para ter opcións de gañar, que é necesario; e ademais para que a nosa xente goce un pouquiño, que xa lle toca tamén. Por tanto ilusionados por tratar de pór no campo nosa mellor versión".

O técnico deportivista non quere ouvir falar de calculadoras neste tramo final da temporada: "Non estamos para fixarnos nos demais. Bastante temos co noso. Canto máis focalicemos a atención no máis importante, que é o noso propio rendemento, non facemos nada con mirar aos demais. Temos que cumprir nós, seguir cumprindo nós. Seguro que se cumprimos nós, as cousas mellorarán a nivel clasificatorio. É recomendable non distraernos en cousas que non podemos controlar e centrarnos no que podemos controlar".

Nesta liña, pregúntase "que temos que facer, que mellorar, para gañar. É isto no que nos temos que centrar e é un pouco o traballo do día a día. Focalizar a atención na tarefa do día a día para mellorarnos individualmente, para que teñamos máis opcións de gañar. Porque queiramos gañar, con iso non é suficiente. Temos que pór o mellor de cada un para poder facelo".

Segundo Natxo, "estamos na pomada" nesta recta final. "É verdade que nas 10 últimas xornadas empezan a ser decisivas. Pero para chegar até aquí houbo un longo percorrido. Outras 32 xornadas para poder chegar aquí e estar ben colocado. ¿Que me gustaría estar con 5 ou 6 puntos máis? Indubidable. Pero estamos entre os mellores e con todas as opcións intactas".

Insiste en que "estamos ben. Pero non nos queda outra. Polo legal ou o ilegal temos que estar ben; e seguro que imos volver á nosa mellor versión. Téñoo bastante claro. Cando volvamos á nosa mellor versión imos ter esa dinámica positiva que pode ser decisiva no noso último tramo".

Preguntado por Carlos Fernández, o adestrador branquiazul recalcou que "todos sabemos o determinante que foi Carlos e o tipo de futbolista que é. Agora necesitamos aos mellores e a poder ser no seu mellor momento. Estamos na parte decisiva. É importante que cheguemos moitos a este último tramo. O tema é chegar o mellor posible a nivel individual. Niso estamos a traballar porque Carlos ten que ser decisivo, Quique ten que ser decisivo, Domingos ten que se decisivo. Para conseguir os obxectivos, temos que ser decisivos".

Do rival, o Rayo Majadahonda, dixo Natxo que "é un equipo que trata de darlle moita importancia ao balón en todas as súas liñas. Esíxeche máxima atención porque pode haber momentos que che quite o balón e fágache sufrir. Iso non é fácil dentro desta categoría. Non o vemos habitualmente".

Por este motivo, un dos escenarios que se poida presentar mañá, segundo o corpo técnico deportivista, é o dun partido "de ida e volta. Polas súas características (en alusión ao Rayo Majadahonda) e as nosas. ¿Que pode ocorrer? Veremos. Creo que van ser decisivas as dianteiras, quizais sempre, pero máis nun partido deste tipo porque imos ter espazos. Pode ser un partido aberto".

Máis novas de: NATXO GONZÁLEZ