RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Estamos no camiño correcto", opina David Simón

David Simón foi o protagonista na sala de prensa de Abegondo.

O futbolista canario, formado na UD Las Palmas, rival ao que visita o Deportivo este sábado 3 de novembro (20:30 hora peninsular, LaLiga 1|2|3 TV), recoñece que será un partido especial porque "é o equipo no que estiven moitísimos anos. Pero agora son do Dépor e imos alí a sacar os 3 puntos".

Garda bos recordos "de todo o que aprendín alí, do sacrificio que tiven. Ao final chegoume a oportunidade e fun un referente para os rapaces da canteira".

Insiste en que non hai contas pendentes: "É pasado. Eu vivo agora o presente. Cada día estou aquí máis a gusto. Vou mirar polos meus intereses. Para min o máis importante é que o Deportivo consiga os seus obxectivos".

Conta que despois de moitos anos na UD Las Palmas, "conseguimos cousas moi boas os canteiráns, que había moitos. Os maiores logros. Necesitaba un cambio. Cando levas moito tempo, parece que todas as cargas son para os mesmos de sempre. Iso para min é pasado. Téñolles que agradecer todo, a oportunidade que me deron, como me trataron. Pero acábase un ciclo. Tes que mirar por ti ao final. Foi o mellor que fixen porque son moi feliz".

No momento no que pise o céspede do Estadio Gran Canaria, David Simón conta que sentirá "algo que fai 1 ou 2 temporadas non me esperaba, o pisar o campo con outra camiseta. Vai ser un partido bonito entre dous grandes equipos, e moi ilusionante".

Preguntado polo recibimento da afección canaria, subliña que "Vicente e eu fomos grandes profesionais. Ás veces poden saír mellor ou peor as cousas. No aspecto de profesionalidade, os dous estivemos impecables alí".

Na súa opinión, Las Palmas "é un equipo que aspira ao ascenso. Ten moi bos xogadores, un gran equipo. Vai ser un partido moi bonito". De feito, co do Málaga, "un dos partidos máis bonitos" desta liga, engade David Simón.

De feito cre que "somos dous equipos a bater da categoría. Quedo co Deportivo, que fixemos un conxunto de xogadores que se cadra hai grandes xogadores con moita experiencia pero non hai moitos que destaquen sobre outros. Iso é o mellor para facer un bo grupo. Ao final a longo prazo pode dar moi bo resultado".

Os meses transcorridos até agora na Coruña reafirmáronlle na súa decisión de acabar o seu ciclo no Club da súa terra: "Menos mal que vin aquí. Foi un cambio positivo para mellor para min, para a miña familia e sobre todo futbolísticamente. É moi acertada esa decisión e sigo crecendo".

Co Dépor instalado no grupo de cabeza e David Simón até a data un fixo no lateral dereito, o defensor deportivista recalca estar "moi a gusto aquí. Quedei sorprendido coa xente, co trato. Só quédame traballar para devolver a confianza".

Nesta liña, confesa estar "contento co equipo en xeral, cos compañeiros. Todo o mundo traballa. Os que menos están a xogar seguen traballando a tope. Así é como se conseguen as cousas. Cada un terá o seu momento. Agora mesmo o que está ten que seguir apertando para que o que está detrás non lle quite o posto. O obxectivo común é o equipo. Agora mesmo estamos no camiño correcto".

Pide nesta temporada longa "estar aí en todo momento, non perder eses postos de aí. E cando faga falta meter ese arreón que nos poida levar a conseguir o noso obxectivo. Estamos niso".

Sobre a situación da clasificación, David Simón ve que os equipos recentemente descendidos (Málaga, Las Palmas e Deportivo) "fixeron as cousas ben e están arriba loitando por ascender de novo. Despois haberá equipos fortes. Ao final está todo moi igualado. O máis importante é manter a regularidade. Nese aspecto nós podemos conseguilo".

A nivel persoal, di sentirse "ben" aínda que "tanto eu como todo o equipo temos que seguir traballando moito porque hai momentos que dá gusto ver a este equipo xogar. Se conseguimos mantelo durante moito máis tempo podemos ser un moi bo equipo".