RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Estou orgulloso de defender estas cores", di Abdoulaye Ba na súa presentación

Abdoulaye Ba (Saint-Louis, Senegal, 1 de xaneiro de 1991) foi presentado ás 10:00 como novo xogador do RC Deportivo, cedido polo Rayo Vallecano até final de temporada.

En primeiro lugar, o novo defensor deportivista pousou para os medios gráficos en compañía de Richard Barral, quen confirmou que a cesión é "pura e dura" até final de temporada. Ademas, indicou que non poderá xogar por contrato o partido en ABANCA-RIAZOR fronte ao Rayo Vallecano correspondente á segunda volta de LaLiga SmartBank, "ademais unha cláusula de moito medo. E iso que ao final baixárona un pouco", chanceou. "Nós tamén a poriamos ante un rival da mesma categoría. Máis que nada porque a afección non o entendería", aclara.

A continuación, pasouse pola sala de prensa de Abegondo. "Estou moi feliz de estar aquí e volver facer o que me dá alegría. Estiven moito tempo parado. Esta gran familia contactoume. Estou moi orgulloso e contento de estar aquí", foron as súas primeiras palabras como xogador branquiazul.

Comenta que a negociación foi "moi difícil co Rayo para que me deixase vir. Non quero falar máis do pasado e si do que teño por diante, volver ser feliz, xogar e axudar a este equipo para poder estar no seu lugar".

Non cre que lle poida penalizar os seus poucos minutos de xogo esta temporada: "Estou aquí para gozar o que falta desta temporada. O pasado non importa. O máis importante é que son Abdoulaye, sei o meu valor, e o valor que teño ninguén pode alteralo. Estou orgulloso de defender estas cores. O Dépor é un gran club, diferente onde eu estaba".

Desvela unha conversación con Fernando Vázquez: "Convenceume de que o fútbol hai que gozalo. Eu vin aquí para gozalo nos meses que faltan, axudar o máximo para que a serie positiva siga".

Admite que a suspensión de LaLiga "é malo para min. Levo 8 meses sen xogar e outra vez pensar que teño que parar. Penso en positivo e espero que esta situación se poida resolver".