RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fabian Schär gáñase o billete a Rusia

Hoxe domingo, Fabian Schär gañouse o billete para o Mundial de Rusia á conta de Irlanda do Norte. Os suízos partían con vantaxe do 0-1 da ida en Belfast e lograron manter esa renda nun duro partido de volta (0-0) en Basilea.

Este martes entran en xogo de novo Borges, Valverde, Andone, Pantilimon e os fabrilistas Francis e Ismael Díaz. Todos eles serán partidos amigables.

Schär únese a Borges, Valverde, Tytoń, Francis e Ismael Díaz

O deportivista Fabian Schär e a súa selección, Suíza, pelexou contra Irlanda do Norte por un billete para o Mundial de Rusia 2018 en formato de eliminatoria de ida e volta.

O partido de ida xogouse o pasado xoves 9 de novembro no Windsor Park de Belfast. Gañou Suíza (0-1). Schär foi titular e xogou completo o encontro, a pesar de recibir un cartón amarelo aos 5 minutos de xogo.

A volta foi hoxe domingo 12 de novembro no St. Jakob Park de Basilea (Suíza). Houbo empate sen goles (0-0), nun partido duro pola resistencia norirlandesa e as difíciles condicións climáticas: choiva e céspede moi brando, incluso embarrado. O defensa deportivista xogou completo o partido e perfílase como un dos fixos na zaga helvética na cita mundialista.

Desta forma, Fabián Schär únese a outros deportivistas que se gañaron con anterioridade o seu billete ao Mundial: Celso Borges (Costa Rica), Fede Valverde (Uruguai), Tytoń (Polonia) e os fabrilistas Francis (Nixeria) e Ismael Díaz (Panamá).

O central branquiazul foi titular indiscutible en toda a fase de grupos, na que Suíza acabou segunda do grupo 2, igualado a 27 puntos coa primeira clasificada, Portugal, pero con peor diferenza de goles que os lusos.

Está previsto que Schär regrese mañá á Coruña e xa se adestre o martes ás ordes de Cristóbal Parralo.

Celso Borges capitaneou a Costa Rica ante España

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, clasificada para o Mundial de Rusia 2018, disputa dous amigables en Europa.

O primeiro deles foi onte sábado 11 de novembro no Estadio da Rosaleda de Málaga ante España. Celso Borges, capitán de Costa Rica, foi titular, a sete días de regresar co Deportivo en partido de LaLiga Santander. Gañou España (5-0), Borges xogou completo o partido e tivo unha clara oportunidade de gol no último minuto, que desbaratou a meta español Kepa.

O martes 14 de novembro, os 'ticos' visitarán a Hungría, no Estadio Ferenc Puskas de Budapest (20:15, hora local).

Fede Valverde, suplente ante Polonia

Do mesmo xeito que Celso Borges, Fede Valverde aforrouse un longo desprazamento a Sudamérica neste parón ligueiro, debido a que a súa selección, Uruguai, xa clasificada para o Mundial de Rusia, disputará dous partidos amigables en Europa.

O primeiro deles foi ante Polonia, en Gdansk, o venres 10 de novembro. Fede Valverde foi suplente e non xogou nun amigable que acabou en igualada (0-0).

O segundo partido fronte a Austria, no estadio Ernst Happel de Viena, será o martes 14 de novembro (20:45 horas).

Francis, no banco de Nixeria

Francis Uzoho, gardameta que recentemente debutou en partido oficial coa camiseta do RC Deportivo, foi chamado por primeira vez pola selección de Nixeria, para o último encontro de clasificación para o Mundial de Rusia 2018 e un amigable.

Nixeria, xa clasificada para a fase final da Copa do Mundo do próximo verán, pechou a liguiña eliminatoria fronte a Alxeria no estadio Chahid Hamlaoui de Constantina (Alxeria) o venres 10 de novembro. O partido acabou en empate (1-1), con Francis no banco.

O martes 14 de novembro, Nixeria disputará un amigable ante Arxentina no Krasnodar Stadium, en Krasnodar (Rusia).

Pantilimon foi titular ante Turquía

Os futbolistas branquiazuis Florin Andone e Costel Pantilimon foron convocados para dous partidos amigables da súa selección, Romanía.

O primeiro deles foi o pasado xoves ante Turquía no Estadio Constantin Radulescu de Cluj. A meta Pantilimon foi titular e xogou 71 minutos. O outro deportivista, Florin Andone, saltou ao campo no minuto 67 substituíndo a Keserü. Venceron os romaneses (2-0).

O segundo encontro amigable de Romanía será o martes 14 de novembro en Bucarest fronte a Holanda (21:00 horas).

Romanía quedou fóra da próxima edición do Mundial, en 2018 en Rusia, ao quedar clasificada en cuarta posición no seu grupo, por detrás de Polonia, Dinamarca e Montenegro.

O fabrilista Ismael Díaz xogou a segunda parte fronte a Irán

Hernán Darío Gómez, seleccionador de Panamá, convocou ao xogador do Fabril Ismael Díaz para dous partidos preparatorios para o Mundial de Rusia 2018.

Así, o pasado xoves 9 de novembro, os panameños caeron (2-1) ante Irán no UPC-Area de Graz (Austria). Ismael xogou toda a segunda parte, na que substituíu a Josiel Núñez.

O martes 14, Panamá visita a Gales, no City Stadium de Cardiff ás 19:45 (hora local).