RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Faise duro estar pechacancelas, sabendo que as vimbias que hai son moito mellores que a posición", cre Salva Ruiz

Salva Ruiz pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

En primeiro lugar indicou que, após dous días con traballo específico á marxe do grupo, "atópome bastante ben. Tiña unha sobrecarga no aductor. Preferimos parar un pouco e recuperar. Atópome en perfectas condicións para a fin de semana se o míster o decide".

Lembra que se actuou con precaución porque o seu outro compañeiro de demarcación, Luis Ruiz, "está tamén lesionado e sería un problema se o míster vese sen lateral esquerdo para a fin de semana".

O lateral deportivista confesa que "se fai duro estar como pechacancelas, sabendo que o equipo, que as vimbias que hai son moito mellores que a posición na que estás. E ademais estás a traballar duro nos adestramentos. Logo nos partidos non nos están saíndo as cousas".

Apunta Salva que "o vestiario tenta ser forte, tentamos apoiarnos os uns cos outros, saír adiante traballando. O míster axúdanos, dános consellos. Eu intento non pensar na situación na que estamos senón no momento, no partido, no adestramento dalo todo".

Con varias semanas con Luis César á fronte, Salva recalca que "xa se vai vendo máis o que quere o míster. El tivo que traballar moi rápido as cousas e foi todo o máis sinxelo. Xa é difícil chegar coa temporada empezada. Imos asimilando mellor todo o que quere o míster. Estamos a traballar ben e creo que van saír moi ben as cousas".

Recoñece que até a data, "compaxinamos bos tramos de partido con outros bastante malos. Imos tratar de cambiar iso. Parece que nos teñen que dar un susto ou facer dano para cambiar a mentalidade. E non debe de ser así. Deben ser os 90 minutos constante, ir a por o partido, a por eles. É algo que temos que conseguir facer ben".

Preguntado polas dimensións do terreo de xogo do Estadio Fernando Torres de Fuenlabrada, escenario do partido deste sábado 2 de novembro (16:00 horas, Movistar LaLiga 1), subliña que "o que hai que facer é abrir ben o campo e estar bastante intenso nos duelos, porque se as dimensións son máis reducidas haberá máis choques, máis balóns divididos. Temos que conseguir gañar a segunda xogada que é o que fixemos bastante ben na segunda parte contra o Racing. E foinos ben porque estivemos moito tempo en campo contrario, que é o que queremos nós e debería suceder en cada partido".

A nivel persoal, sente con máis confianza: "Viña dunha pretemporada atípica. Non xoguei máis de 45 minutos nun partido e necesitaba coller minutos. Desde hai un tempo atópome moi ben. Gústame incorporarme ao ataque e axudar ao equipo. Creo que é bo tanto para min se o equipo ataque como para o equipo se eu ataco".