RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fayçal e Borges, titulares con Marrocos e Costa Rica, respectivamente

- Foto: @CelsoBorgesCR -

Fayçal Fajr, que tivo unha destacada actuación na última edición da Copa de África, xogou con Marrocos dous partidos amigables neste parón de seleccións.

Onte martes, o atacante deportivista, de novo no once inicial, venceu a Tunisia (1-0) no Gran Estadio de Marrakech. Dun saque seu de falta saíu o único gol do partido.

O primeiro destes amigables foi o pasado venres 24 fronte a Burkina Faso, tamén en Marrakech. Gañou tamén Marrocos (2-0), cun gran gol de Fayçal, que arrancou o choque de titular e foi substituído no minuto 88.

O atacante deportivista ten previsto chegar á Coruña ao longo de hoxe mércores 29 de marzo.

Celso Borges, indiscutible e 'centenario'

Celso Borges foi convocado pola súa selección nacional, Costa Rica, para dous partidos oficiais, correspondentes á eliminatoria pola zona CONCACAF para o Mundial de Rusia 2018.

Onte martes 28, Costa Rica empatou (1-1) ante Honduras no Estadio Francisco Morazán de San Pedro Sula, co mediocentro deportivista no once inicial. Borges xogou os noventa minutos e deste xeito converteuse no sétimo xogador costarriqueño en alcanzar as 100 internacionalidades.

O pasado venres 24 de marzo (madrugada do sábado en España), Costa Rica caeu (2-0) ante México, no Estadio Azteca de Cidade de México. O mediocentro deportivista disputou oz noventa minutos dun partido que quedou sentenciado practicamente na primeira metade.

Celso ten previsto aterrar no Aeroporto da Coruña mañá xoves pola tarde.

Emre Çolak participou no triunfo de Turquía ante Moldavia

Emre Çolak, nun gran momento de xogo no Dépor, foi citado por Turquía para dous partidos internacionais.

O segundo choque de Turquía foi amigable, con Moldavia como rival, o pasado luns 27 de marzo, no New Eskisehir Stadium da cidade de Eskisehir. O centrocampista branquiazul foi titular no triunfo turco (3-1). Foi substituído no minuto 69 por Kaan Ayhan.

O primeiro dos partidos foi o pasado venres 24 de marzo ante Finlandia no Antalya Arena da localidade turca de Antalya, neste caso clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018. Gañou Turquía (2-0). Neste caso, Emre Çolak non chegou a saltar ao terreo de xogo.

Gran gol de Kakuta en Kenia

O xogador do Deportivo Gaël Kakuta xogou o pasado domingo coa súa selección, a República Democrática do Congo, un partido amigable ante Kenia.

O choque disputouse no Kenyatta Stadium da cidade kenyana de Machakos. Gañou Kenia (2-1), e Kakuta, que foi titular, anotou un gran gol de falta no minuto 60 que equilibraba momentaneamente o partido.