RCD / NOVAS

Fede Cartabia, novo xogador do Deportivo, cedido ao Sporting Braga

31/01/2017 20:15

Federico Nicolás Cartabia (20 de xaneiro de 1993, Bombal-Santa Fe - Arxentina) comezará o próximo mes de xullo a súa segunda etapa no RC Deportivo, co que asinou polo que resta desta temporada, que xogará cedido no Sporting Braga, e cinco campañas máis.

Fede Cartabia deu os seus primeiros pasos no Sportivo Bombal Club da súa localidade natal, pero en 2006, cando só tiña 13 anos, a súa vida deu un xiro radical. O ex internacional español Juan Antonio Pizzi descubriuno e tróuxoo a España. Despois de que o FC Barcelona desbotase a súa incorporación ás súas categorías inferiores, recalou no Valencia CF.

Despois de pasar polos diferentes conxuntos da base valencianista, ademais do equipo vinculado CF Cracks e unha cesión ao CF Torre Levante, o extremo zurdo alcanzou o equipo B, o Valencia Mestalla, na Temporada 2012-2013. Co filial valencianista marcou 7 goles en 30 partidos en Terceira División. Grazas a ese rendemento gañouse un oco no primeiro cadro, onde un ex deportivista, Miroslav Djukic, deulle a alternativa.

Tras xogar 40 partidos (3 goles, todos na Liga Europa) co Valencia no curso 2013-2014, na campaña 2014-2015 foise cedido ao Córdoba, recentemente ascendido a Primeira División. No Arcángel coincidiu co actual máximo goleador deportivista, Florin Andone e, novamente, con Djukic, adestrador cordobesista durante medio exercicio. Co equipo verdibranco, Cartabia actuou en 30 partidos (todos en Liga), nos que anotou 4 goles que non foron suficientes para evitar o descenso a Segunda.

Tampouco atopou oco no cadro valencianista no curso pasado, o 2015-2016, no que recalou, nun novo préstamo, no Dépor. Na Coruña despregou o seu mellor fútbol e sempre se mostrou encantado co Club e coa cidade. De branquiazul disputou 29 partidos, anotando 4 goles, o terceiro deles, fronte ao Málaga en Riazor (3-3), histórico para a entidade deportivista: foi o número 2.000 do equipo en Primeira División.

O pasado verán regresou ao Valencia, co que acabou rescindindo contrato despois de unicamente contar, e en escasas ocasións, para un dos tres técnicos que dirixiu ao equipo valenciano no que vai temporada, Cesare Prandelli. Co italiano no banco de Mestalla, Cartabia participou en 3 encontros, 2 de Liga (entre eles a visita valencianista a Riazor, onde saltou ao céspede no minuto 74) e 1 de Copa do Rei.

Fede Cartabia conta coa dobre nacionalidade hispano-arxentina, aínda que as súas escasas aparicións internacionais foron coa selección albiceleste Sub-20, no Campionato Suramericano da categoría do ano 2013.

Máis novas de: CARTABIA