RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede Cartabia receita para o Dépor "ter humildade, facer moito grupo"

Fede Cartabia foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo, nada máis finalizar o adestramento matinal do primeiro equipo.

Asegurou estar, ao comezo desta a súa segunda etapa no Dépor, "contento de volver. Levaba moito tempo esperando isto. Estou ao gozar día a día. A verdade é que a miña familia está moi contenta, moi a gusto. Esperemos seguir crecendo".

Confesou pasar a campaña anterior, no Valencia, "momentos moi duros. Ao final conseguín o que quería, que é estar acá".

Do choque ante o Levante deste sábado 26 de agosto (20:15 horas, Ciutat de València), opina Fede Cartabia que "vai ser un equipo moi difícil. Xa se mostrou forte no primeiro partido ante o Villarreal. Ten as ideas moi claras, coñécense moi ben". Desta forma, vaticina un partido "moi trabado, moi rochoso".

Da derrota ante o Real Madrid, apunta que "todas as derrotas deixan sempre algo positivo. Fomos os primeiros quince minutos dominadores. Tivemos dous ou tres ocasións para marcar. É o que teñen os grandes equipos, con media ocasión fanche gol".

Tras o penalti errado o pasado domingo, o atacante deportivista mostrou o seu desexo de que "a quen lle toque a próxima vez, fagámolo". Asume que sería para el "unha responsabilidade linda" tiralos. "Está claro que o que o tira é o que o falla. A min tocoume fallalos tamén. É importante marcalos porque danche ou che quitan puntos", engade.

Sobre o seu papel neste novo Dépor, recoñece que "na miña primeira etapa custoume entrar. Tiven moitas lesións por medio, non tiña continuidade no meu xogo. Nesta pretemporada empecei un pouco mal, pero aos poucos fun sumando minutos. Espero poder axudar no que me toque. Habemos de ser un equipo, que vai ser importante ao longo da temporada".

Preguntado sobre Rubén e Florin Andone, Fede subliñou que "cando falla un compañeiro fallamos todos. Isto é un equipo. É o que ten o deporte de alto nivel".

Prefire non marcarse obxectivos e si ir "partido a partido. Todos os equipos de Primeira División teñen un cadro moi bo. Nós temos que ter humildade, facer moito grupo que vai ser moi importante, e ir partido a partido. O tempo dirá para o que estamos despois".