RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede Cartabia vaticina mañá "un partido de ti a ti"

Fede Cartabia foi o protagonista do día na sala de prensa de Abegondo. Mostrouse confiado ao pasar o mercado de inverno: "Temos un cadro moi bo. Se lle preguntas aos outros equipos se quixesen ter o noso cadro, a maioría diríache que si".

A nivel persoal, o atacante arxentino confesou sentirse "moito mellor. A pasada tiven unhas molestias musculares polas que decidimos descansar un pouco e tratar de chegar ao partido. Esta semana vou moito mellor, estou a adestrar moito máis. Espero seguir así".

"O meu corpo non está afeito xogar 3 partidos seguidos. É triste porque son un mozo novo e estou a sufrir moito. Coñézome moi ben e estoume levando todo o mellor que podo", subliña a continuación.

Cualifica o encontro de mañá domingo 10 de febreiro no Novo Estadio dos Cármenes (18:00 horas, Movistar Partidazo) como "un partido importante. Teñen un moi bo equipo. Respectámolos moito como eles a nós. É un partido lindo de xogar. Oxalá gañemos e sigamos nesa liña da segunda vitoria fóra de casa consecutiva. Vai ser outro golpe na mesa como fixemos en Xixón. Queda moito aínda para o ascenso pero está todo moi apertado. Uns gañan, outros perden, uns soben, outros baixan. Está moi emocionante".

Precisamente do Granada, Fede Cartabia indica que é un equipo "interesante. Leva moito tempo aí arriba. Non é casualidade. Ten xogadores moi desequilibrantes, un equipo compensado. Vai ser un partido de ti a ti".

Acerca do seu compatriota Matías Nahuel, chegado ao RC Deportivo neste mercado invernal, sostén que "se integrou moi rápido. Tentamos axudalo en todo o que estea ao noso alcance. Vai ser un xogador importante. Ten cousas moi boas".

Laméntase das lesións que a estas alturas de temporada está a sufrir o equipo. "Esperemos que se recuperen canto antes porque necesitamos todos de todos", desexa o futbolista arxentino.

Por esta circunstancia, asegura que "temos que tratar de achegar o máximo sabendo que todos estamos ao servizo do equipo", conclúe.