RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede e Quique deixan o regreso a un paso (2-0)

O Deportivo deu un gran paso para culminar o camiño de volta, ao impoñerse no partido de ida da final do playoff de ascenso ao Mallorca por 2-0. Un gol en cada período, o primeiro nun gran libre directo de Fede Cartabia e o segundo nun remate acrobático de Quique que Raíllo despexou cando se introducía na portería de Manolo Reina, outorgan unha substancial renda ao equipo coruñés.

José Luis Martí, preparador branquiazul, realizou dúas modificacións con respecto ao once que presentou o pasado sábado en Málaga, no encontro de volta das semifinais do playoff. Fede Cartabia e Quique ocuparon as posicións que en La Rosaleda foron propiedade de Vicente Gómez e Nahuel.

Antes de que transcorresen 100 segundos de xogo, ambos os equipos xa pisaran a área contraria. Primeiro fíxoo o Dépor nunha chegada de Quique polo extremo dereito, cun centro que, após desviar Valjent, acabou en mans de Manolo Reina. E despois fíxoo o Mallorca, cun centro de Sastre desde a dereita que despexou Domingos Duarte anticipándose ao intento de cabezada de Abdón Prats.

Semellaba que as intencións de ambos os equipos eran buscar un encontro aberto, un ida e volta. Pero o certo é que os achegamentos perigosos brillaron pola súa ausencia durante un longo tramo do primeiro período. Longas posesións, pouca profundidade e moitos centros á área que ben non atoparon rematador, ben acabaron en remates frouxos e desviados.

Os branquiazuis engarzaron a súa primeira acción combinativa en ataque no minuto 17. Bóveda lanzou en profundidade a Fede Cartabia, que centrou raso cara ao punto de penalti para a chegada de Carlos Fernández. O dereitazo do dianteiro andaluz perdeuse por moi pouco á esquerda da portería balear.

Foi xusto 17 minutos despois, no 34, cando o Mallorca gozou da súa máis clara ocasión. Foi nun saque de esquina que cabeceou limpamente Valjent, chegando desde atrás. O remate do central eslovaco perdeuse por moi pouco á dereita do marco defendido por Dani Giménez.

Unha falta de Salva Sevilla sobre Fede Cartabia, no minuto 37, serviu ao Deportivo para abrir o marcador. O propio mediapunta arxentino, a pesar do escorado do lanzamento, tentou sorprender polo primeiro pau a Manolo Reina. E fíxoo, ao colocar a pelota practicamente no ángulo superior esquerdo do portal visitante.

No minuto 43 chegou unha xogada que marcaría o resto do partido e da eliminatoria. Nun balón dividido en mediocampo, Álex Bergantiños e Pedraza foron ao chan con todo. O capitán deportivista anticipouse ao mediocentro bermellón, cuxa bota impactou na cara de Álex. O xogador coruñés tivo que ser substituído após ser atendido de inmediato cando manaba abundante sangue do seu rostro. A instancias dos seus asistentes, Trujillo Suárez, que non sinalara nin falta, ensinou a cartolina vermella ao xogador mallorquinista.

Os branquiazuis perderon ao seu capitán, substituído por Vicente Gómez. E, tamén antes do descanso, víronse forzados a facer o seu segundo cambio, ao sufrir Somma uns problemas musculares que lle obrigaron a saír do terreo de xogo. David Simón substituíu ao italiano e Bóveda pasou a formar parella no centro da defensa xunto a Domingos Duarte.

Con varios minutos de tempo engadido chegouse ao descanso coa vitoria coruñesa pola mínima.

Os 10 primeiros minutos do segundo período transcorreron sen accións de perigo en ningunha das dúas áreas. A pesar da superioridade numérica, o Deportivo tratou principalmente de contemporizar e facer circular a pelota para desgastar a un rival cun futbolista menos sobre o céspede.

Vicente Moreno, técnico do Mallorca, refixo ao seu equipo dando entrada a Baba en lugar de Leo Suárez, para dar forma a un esquema 4-4-1. E cunha instrución clara: perder a maior cantidade de tempo posible cada vez que se parase o xogo.

Algunha tímida chegada precedeu a un potente lategazo de Pedro desde a frontal da área. Manolo Reina respondeu atallando o disparo en dous tempos. Corría o minuto 70 de xogo e, de inmediato, tamén o probou Fede Cartabia, para concluír unha internada polo extremo dereito. O arxentino perfilouse para disparar coa súa perna boa, pero o gardameta visitante atrapou o seu frouxo disparo.

Pouco despois, Carlos Fernández rozou coa súa fronte un preciso centro de Saúl desde o extremo esquerdo. O '18' deportivista, lanzándose xa na área pequena, non puido desviar por completo a traxectoria do balón, que acabou perdéndose pola liña de banda.

Estaba a ir tanto o cántaro á fonte que ao final rompeu. Aínda que o fixo con moito suspense. Centrou Fede Cartabia desde a dereita, cabeceou Carlos Fernández frouxo, cara ao primeiro pau, onde Quique se revolveu como puido para sacarse unha volea á media volta que rozou Manolo Reina. O balón botou unha e dúas veces antes de que Raíllo o despexase xusto cando se introducía na portería mallorquinista.

Após consultar ao seu asistente, Trujillo Suárez sinalou, máis de dous minutos despois da xogada, o centro do campo.

Cando se cumpría o minuto 90, Domingos Duarte cabeceou picado un saque de esquina lanzado por Pedro. Manolo Reina, ben colocado, atrapou a pelota con seguridade.

O partido concluíu coa vitoria herculina por 2-0, que concede unha importante vantaxe ao equipo dirixido por José Luis Martí. No partido de volta, no estadio de Son Moix este domingo 23 (21:00 horas, Movistar Partidazo), o Deportivo logrará o ascenso se gana, empata, perde por un só gol de diferenza ou o fai por 2 pero marcando polo menos un tanto.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Domingos Duarte, Somma (David Simón, min. 45+2), Saúl, Fede Cartabia (Borja Valle, min. 83), Álex Bergantiños (Vicente Gómez, min. 43), Edu Expósito, Pedro, Carlos Fernández e Quique.

Real Mallorca: Manolo Reina, Joan Sastre, Valjent, Raíllo, Estupiñán, Pedraza, Salva Sevilla (Fran Gámez, min. 78), Lago Junior, Dani Rodríguez, Leo Suárez (Baba, min. 52) e Abdón Prats (Budimir, min. 64).

Goles: 1-0 Fede Cartabia (min. 37); 2-0 Quique (min. 79).

Árbitro: Trujillo Suárez (c. tinerfeño). Expulsou con vermella directa a Pedraza (min. 41). Cartón amarelo a Leo Suárez (min. 45), Joan Sastre (min. 45), Edu Expósito (min. 45), Lago Junior (min. 54), Pedro (min. 66), Manolo Reina (min. 80) e Raíllo (min. 90+2).

Incidencias: partido de ida da final do playoff de ascenso a LaLiga Santander disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 29.363 espectadores.