RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede Valverde, terceiro deportivista clasificado para Rusia 2018

Foto: - @AUFOficial -

Onte martes 10 de outubro e esta pasada madrugada en España, Celso Borges con Costa Rica, Fede Valverde con Uruguai e Fabian Schär con Suíza tiveron compromiso internacional.

Precisamente Fede Valverde logrou o billete para o próximo Mundial sendo o terceiro deportivista en logralo, tras Celso Borges e Tytoń.

Os outros tres xogadores do Deportivo (Florin Andone, Costel Pantilimon e Przemysław Tytoń) que tiveron compromisos internacionais con Romanía e Polonia, xa se adestran desde onte martes co Deportivo en Abegondo.

Uruguai, con Fede Valverde, logra o billete directo

O deportivista Fede Valverde foi novamente importante con Uruguai nos dous partidos clasificatorios nos que o combinado charrúa logrou o pasaporte directo para o vindeiro Campionato do Mundo.

Onte martes 10 de outubro (esta pasada madrugada en España), Uruguai impúxose (4-2) a Bolivia no Estadio Centenario de Montevideo. Facíalle falta un empate polo menos aos uruguaios e conseguiron os tres puntos.

O futbolista branquiazul saltou ao céspede de inicio e no minuto 60 foi substituído por Cristian Rodríguez.

Con este resultado, Uruguai sumou 31 puntos e quedou en segunda posición do grupo suramericano de clasificación, tras Brasil, campioa con 41 puntos.

O pasado xoves 5 de outubro, a selección uruguaia empatou en Venezuela (0-0), no Estadio Polideportivo Pueblo Nuevo de San Cristóbal.

O mediocentro deportivista tamén foi titular e xogou 79 minutos, sendo substituído por Giorgian De Arrascaeta.

Está previsto que ao longo de mañá xoves, Fede Valverde chegue á Coruña.

Celso Borges cae en Panamá nun partido intranscendente

Celso Borges, xa matematicamente clasificado con Costa Rica para o Mundial de Rusia 2018, caeu en Panamá (2-1), no Estadio Rommel Fernández, ante unha selección que se xogaba o pase.

O mediocentro deportivista xogou os noventa minutos, como adoita ser habitual nas citas do combinado 'tico'. Está previsto que mañá xoves chegue de regreso á Coruña.

O pasado sábado 7 de outubro, a selección costarriqueña, con Celso Borges no once inicial, logrou o punto que necesitaba (1-1) ante Honduras no Estadio Nacional de San José. O mediocentro deportivista xogou completo o partido.

Costa Rica acabou en segunda posición do hexagonal final de clasificación da CONCACAF con 16 puntos, por detrás do líder, México, que sumou 21 puntos. Estas dúas seleccións, máis Panamá, terceira con 13 puntos, xa teñen o seu pasaporte para o Mundial de Rusia.

Fabian Schär foi titular onte en Lisboa

A Selección Suíza, co deportivista Fabian Schär no equipo titular, xogouse onte martes a súa clasificación para o Mundial de Rusia 2018.

Suíza chegaba á última xornada da Fase de Clasificación como líder do grupo 2 con 27 puntos de 27 posibles. Seguíalle Portugal, a 3 puntos de distancia. Ambos os equipos víronse as caras no Estadio da Luz, en Lisboa.

Venceron os portugueses (2-0) e Fabián Schär xogou de novo o partido completo.

Por conseguinte, Suíza xogará a eliminatoria de repesca o próximo mes de novembro.

O pasado sábado 7, os suízos, con Schär tamén no equipo titular, recibiron a Hungría no Estadio St. Jacob-Park de Basilea. Venceron con claridade (5-2) e o central branquiazul xogou o noventa minutos.

Tytoń, sen minutos pero co billete para Rusia

O domingo 8 de outubro, no último partido da fase de clasificación para o Mundial de Rusia 2018, Polonia, con Przemysław Tytoń de novo fóra da convocatoria, impúxose (4-2) a Montenegro no Estadio Nacional de Varsovia.

A selección polaca sumou 25 puntos e logrou desta forma o seu billete para o próximo Campionato do Mundo.

O pasado xoves, o porteiro deportivista quedou tamén fóra da lista en Armenia, no primeiro dos seus dous próximos compromisos internacionais deste mes de outubro, que se saldou con triunfo polaco (1-6).

Romanía, con Andone de titular, igualou en Dinamarca

O pasado domingo 8 de outubro, Romanía, cos deportivistas Florin Andone e Costel Pantilimon, empatou en Dinamarca (1-1) no Estadio Telia Parken de Copenhague.

Andone foi titular e xogou 70 minutos, sendo substituído por Claudiu Keșerü. Pantilimon seguiu o encontro desde o banco.

Romanía non estará no próximo Mundial ao quedar en cuarta posición do grupo 5º con 13 puntos.

Florin Andone tamén foi titular o pasado xoves no Estadio Ilie Oanâ da cidade de Ploiesti ante Kazajistán (3-1) no primeiro dos dous partidos oficiais clasificatorios para o Mundial. Xogou 66 minutos, sendo substituído por Claudiu Keșerü. O meta Pantilimon estivo no banco.