RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez: "Almería é un reto e tomámolo así. Outra final que temos que xogar"

Fernando Vázquez manifestou na sala de prensa de Abegondo que o Deportivo encara con "ánimo alto, enerxía alta" o partido de mañá sábado 7 de marzo no Estadio de los Juegos Mediterráneos ante a UD Almería (21:00 horas, Gol).

O técnico deportivista asegura que "estamos súper ilusionados para disputar un partido que queremos gañar. Tamén o quere gañar o Almería. Imos pelexar por ese partido".

Do conxunto andaluz, destaca a súa velocidade, a súa verticalidade, "é moi rápido en chegar a portería, con grandes xogadores. Teñen fame por gañar. As expectativas do Almería son de ascenso", apostila.

Faise unha idea de como sairá o equipo de Guti ao terreo de xogo do Estadio de los Juegos Mediterráneos e, "se é así, é posible que a nivel defensivo teñamos que estar impresionantes, moi ben. E se temos algunha oportunidade aproveitala. É posible que o partido de principio poida ser nestas circunstancias pero os partidos cambian, os marcadores cambian e os marcadores cambian pensamentos estratéxicos".

O adestrador branquiazul resalta que nos últimos partidos "ofensivamente estámonos mobilizando. O equipo está a mellorar. É capaz de ter a pelota con certa calma. Fáltanos capacidade de crear ocasións de gol, iso tamén é verdade. O equipo recupera a pelota e vai mellorando lentamente. Vaise atopando". Iso si, lembra que "nos está dando máis resultado a espera que a iniciativa. É así", conclúe.

Respecto da dificultade da visita á UD Almería, lembra que "fomos a Zaragoza e non nos pasou por riba. Tamén é un equipo que está arriba. Somos un equipo complicado. Os equipos rivais respéctannos porque consideran que somos competitivos e competitivos estamos a ser. Imos afrontar este partido coa seguridade de que nos teñen que gañar".

Non está preocupado pola situación clasificatoria e si atópase "analizando, mirando. Sei que me quedan por gañar 5 ou 6 partidos. Almería é un reto e tomámolo así. Outra final que temos que xogar. Non variamos o noso pensamento".

Preguntado onde se atopaba hai 18 anos, o 6 de marzo de 2002, cando o Dépor gañou a súa segunda Copa do Rei no Estadio Santiago Bernabéu ante o Real Madrid, Fernando Vázquez fixo memoria: "Estiven alí. Estaba a comentar o partido non sei para que emisora. Vivino cunha alegría impresionante. A sensación era de incredulidade case, como todos os deportivistas".

Finalmente, apunta que "todo o deportivismo debe estar hoxe orgulloso e especialmente emocionado. Síntome un pouco así", en relación ao nomeamento de Arsenio Iglesias como Fillo Adoptivo da Coruña.