RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez avoga por "ano perdido, competición perdida" en caso de persistir o parón

Fernando Vázquez compareceu nunha rolda de prensa sen xornalistas presentes, que si fixeron chegar as súas preguntas ao técnico deportivista.

Prefire "a suspensión a xogar a porta pechada de aquí a Lima. Contamos cun apoio maioritario en ABANCA-RIAZOR e a min gustaríame seguir téndoo. A competición está suspendida, non sabemos canto tempo. É correcta a decisión da Federación e de LaLiga de suspender".

Comenta que a situación é "excepcional. Na miña vida nunca vivín unha pandemia. Supoño que o que me pasa a min pasaralle a moitísima xente. O fútbol non é unha parte vital da sociedade e o fútbol ten que ir co que din as autoridades sanitarias que son os que teñen que mandar neste momento".

En canto ao futuro da competición, quixo deixar claro que "non lle parece xusto, unha barbaridade" acabar a competición só cos resultados da primeira volta ou ben finalizar como está agora mesmo. "Nestes momentos o Deportivo non está en descenso. Habería que resolver o partido do Albacete en Vallecas. O Dépor, tal e como está a clasificación, non estariamos descendidos senón que sería o Albacete. É inxusto para o Albacete porque tería un partido menos. ¿Que vai pasar con ese partido? O Deportivo está en situación mesmo de poder chegar ao playoff se nos poñemos esixentes. Primeira volta, non se se hai algo escrito. Creo que non hai nada. En calquera caso alguén tería que chegar a un acordo para aceptar esta situación e as cousas non acabasen nos tribunais. Para min o máis normal sería ano perdido, ano acabado, competición perdida. Non hai ascensos, descensos, nada porque deportivamente non se conseguiron no terreo de xogo. Hai moitísima xente que se podería ver prexudicada, algunha xente favorecida. Pero creo que sería o máis real. A competición non se acabou e por tanto as regras que valían non se poden cumprir".

Por conseguinte, pediría un "acordo a nivel de fútbol, a nivel de todos os clubs, LaLiga, Federación. Se a competición non se pode seguir disputando, se a situación segue así de negativa, tería que ser anulada".

Sobre a última fichaxe, Abdoulaye Ba, Fernando Vázquez veo "en calquera das 3 posicións (do centro da zaga). Levo 2 pequenos adestramentos con el. Teño que coñecelo un pouco mellor. Xa o coñecía de ver partidos. Podería xogar pola dereita, no medio ou pola esquerda sen problema".

Comenta que "ao principio pensabamos que a competición ía parar 15 días, co que teriamos 3 semanas de adestramentos. Esta semana que estamos fariamos pouca carga para tentar recuperar a todos os futbolistas a nivel de fatiga muscular e fatiga mental. Carga baixa para a seguinte semana subir o nivel de carga e a seguinte facer unha semana precompetitiva. Agora na situación que estamos, non sabemos. Estamos á espera. Se non hai certezas é moi difícil planificar".

Confirmou que os xogadores terán "plan individualizado a cada un. É un traballo particular que non ten nada que ver coa colectividade. Sería decepcionante pero é o máis normal. Se ocorre connosco será igual para todos, son as mesmas circunstancias. A saúde é o máis importante".