RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez: "Estamos preto, pero non o conseguimos aínda e o equipo non pode relaxarse en absoluto"

Fernando Vázquez manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "cando o obxectivo está preto ás veces é cando máis lonxe está. Vimos dunha situación durísima. Agora vemos o obxectivo preto pero non o temos aínda. Hai que ter moito coidado con este tipo de sensacións e de calma que parece que entra. Eu xa vivín a situación nalgún equipo que me faltaba nada para conseguir o obxectivo e non o conseguín. Estamos preto pero non o conseguimos aínda e o equipo non pode relaxarse en absoluto".

Subliña o técnico deportivista que "no primeiro tempo estivemos ben situados. Estivo máis avanzado que no segundo. Metéronnos ese gol, outro gol de centro que temos que revisar. No segundo tempo, co 2-1 a favor, quizais nos fomos un pelín atrás, afundímonos demasiado. É algo que deberiamos evitar. Cambiamos o comportamento, fixémonos máis conservadores. No primeiro tempo obrigábanos o marcador".

Alégrase "especialmente" por Christian Santos, autor do segundo gol, ao cabo definitivo: "Sei que está a sufrir. Cando xogo cun punta só, é difícil para todos os puntas. E nesta situación, que entre un dianteiro e faga gol éncheme de alegría. Especialmente que sexa Christian que fixo un gran traballo e marcou un golazo".

Confesa estar "máis tranquilo na bancada que no banco. É unha sensación diferente. Véxoo perfectamente. Analizo mellor, iso é verdade; aínda que estás afeito estar no banco. Para un adestrador estar arriba é marabilloso. A pena é que segundo o regulamento un adestrador non pode estar arriba e abaixo. Gustaríame poder cambiar arriba ou abaixo, a elección do adestrador".


Pola súa banda, Míchel, técnico da SD Huesca, indicou que "entramos bastante ben ao partido pero o gol que marcamos fíxonos dano. Non fomos capaces de continuar na nosa idea de xogo de buscarlles a eles. O Dépor con balón é un equipo moi bo. Xogamos máis para pasarnos o balón que para atacar; e iso fixo que eles sentan cómodos e con balón fágannos dano. É un equipo que xera moito fútbol polo talento que ten tanto por dentro como por fóra. Fixéronnos dous auténticos golazos. A segunda parte si foi máis o que queriamos".