RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez insiste en que "estamos a buscar un camiño para conseguir o éxito" e espera en Pasarón "seguir evolucionando"

Fernando Vázquez lembrou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "construír un equipo é un proceso en que ás veces dás pasos adiante, pasos atrás, buscas formas diferentes. Nós estamos a buscar un camiño para conseguir o éxito. Imos xogar contra un equipo de nivel nun campo adecuado, Deus queira que sexa si. Esperamos seguir evolucionando. Non sei se no mesmo sentido, igual con algún matiz diferente. Un paso máis, unha semana máis na construción dun equipo para convertelo nun equipo que gañe partidos e que sexa atractivo para o afeccionado".

O técnico deportivista explica que quere dirixir ao equipo branquiazul a ser un bloque "que controle o partido perfectamente, que non lle fagan ocasións de gol e que ti as fagas con certa continuidade".

Advirte iso si que nesa tarefa de construír a un novo Deportivo "se non tes seguridade, se non controlas o partido nestes aspectos é un pouco lotaría. Quero que o meu equipo controle a nivel defensivo e que sexa capaz de crear posibilidades. Asumir un risco controlado para crear ocasións de gol sen que che toquen a cara. É un obxectivo difícil, é a máxima excelencia no fútbol; pero nós temos moito camiño que percorrer aínda no aspecto ofensivo. Fáltanos un camiño que percorrer".

Do partido de mañá sábado en Pasarón ante o Pontevedra CF (17:00, TVG), opina que "todos os partidos teñen a mesma transcendencia. Gustaríanos chegar á segunda fase, tal e como está concibida, cunha vantaxe sobre o resto dos rivais; e ao mesmo tempo isto implica que tes que gañar independentemente de quen sexa o rival. A diferenza no teu subgrupo é importante pero tamén é importante a diferenza co outro subgrupo".

Do rival, Fernando Vázquez apuntou que "é un equipo que fai as cousas simples, sinxelas, sen moitas complicacións. Os seus futbolistas lévanas a cabo con bastante seguridade e en moitos casos creando moito perigo ao equipo rival. Non se complica en exceso a nivel estratéxico e táctico; pero velos xogar e resulta que o fan cunha sinxeleza tremenda pero facendo dano".

Admite o adestrador branquiazul que "os nosos números ofensivos son pobres, e son importantes a nivel defensivo. Pero iso non quere dicir que eu teña como obxectivo que o Deportivo no seu aspecto ofensivo non queira a pelota. Quero ter a pelota. Pelexo pola pelota, e defender correctamente porque dáche moitas garantías de recuperar a pelota. Pelexamos por defendernos coa pelota e atacar coa pelota. Desde unha base organizativa importante. Non son diferente ao Pontevedra. O Pontevedra quere ter a pelota, de cando en vez combina xogo curto e longo. Algo así tamén me gustaría facer a min".