Fernando Vázquez leva a Soria a 18 futbolistas, incluído o canteirán Mujaid
O Deportivo visita mañá domingo 5 ao CD Numancia nos Pajaritos (12:00 horas, Movistar LaLiga), no primeiro partido de LaLiga SmartBank en 2020.
Ao finalizar o adestramento desta mañá na Cidade Deportiva, Fernando Vázquez citou a 18 futbolistas, incluído o fabrilista Mujaid.
Quedan fóra da convocatoria de maneira forzosa Vicente Gómez, sancionado; e os lesionados Gaku, David Simón e Koné, a quen se referiu Fernando Vázquez en rolda de prensa: "Ten unhas pequenas molestias na parte posterior dunha perna. Estivo a adestrar toda a semana pero séguelle molestando. Preferimos esperar á semana que vén para que estea en plenas condicións".
Aclarou o técnico deportivista aos medios de comunicación que Çolak queda na Coruña "polo seu estado de forma" e Gaku, "hoxe adestrou un pouco connosco e a próxima semana vaise a reincorporar".
Na sesión de hoxe, após un quecemento, o técnico deportivista dispuxo ademais de rondos, un exercicio de posesión, unha tarefa de ataque-defensa e, para concluír, un partido a tres cuartas partes de campo.
Os citados viaxan a continuación por estrada, segundo esta folla de ruta:
Sábado 4 de xaneiro 10:00: Adestramento en Abegondo 12:30: Saída en autocar a Soria 20:30 (horario aproximado): Chegada ao Hotel Alfonso VIII de Soria
Domingo 5 de xaneiro 12:00: CD Numancia - Deportivo, nos Pajaritos Ao concluír, comida en Soria e regreso en autocar á Coruña
Finalizado o partido, o cadro adestrarase de novo o martes 7 de xaneiro ás 11:00 en Abegondo.