RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez: "Se o equipo sente que ten a confianza de #ANOSAFORZA, que ten o apoio pase o que pase, ese equipo crece"

Fernando Vázquez manifestou na sala de prensa de Abegondo que o Racing de Ferrol, que visitará ABANCA-RIAZOR este domingo 29 de novembro (19:00 horas, TVG), "é un equipo bonito, ben estruturado, que sabe ao que quere xogar. En Segunda División B hai grandes adestradores e o Racing ten un dese nivel".

O feito de que o conxunto ferrolán liquidase con vitorias os seus dous partidos lonxe da Malata indica ao adestrador branquiazul "que é un equipo que xoga de forma similar fóra de casa que en casa. É un equipo que ten personalidade. É un equipo forte, con posibilidades e con individualidades importantes. Non vai ser nada fácil para nós".

Ao Deportivo pídelle "que nos mostremos tal e como queremos facer, tal como adestramos, que teñamos confianza, unha dinámica máis fluída. O ritmo do equipo é o que me preocupa un pouco. Mentres non teñamos un ritmo competitivo alto, poderemos facer poucas cousas. Neste sentido, aos poucos imos crecer. A partir de aí todo será máis fácil".

O técnico deportivista lembra unha vez máis que "cando sentes que confíen en ti, ti rendas máis. Esa sensación de confianza chega a certos futbolistas. Na miña vida deportiva tiven experiencias en que a afección confiaba en que iamos gañar o partido. E iso o equipo si que o nota. Cando confías, o equipo crece. Ás veces non depende dos xogadores o nivel de rendemento dun equipo. Ás veces os xogadores son aquilo que queren os afeccionados. Se o equipo sente que ten a confianza da afección, que ten o apoio da afección pase o que pase, ese equipo crece. Se te sentes apoiado no teu traballo, se confían en ti, darás máis nivel. Un equipo como colectivo si que o sente. Estou seguro".

Gustaríalle contar con #ANOSAFORZA en ABANCA-RIAZOR o domingo e opina que "se tivésemos á nosa afección no campo, serÏamos moito máis poderosos. Iso estou convencido. Tan poderosos que no primeiro partido con mil, sentíame totalmente arroupado. E o equipo conseguiu gañar o partido por iso. É unha sensación que me gustaría ter todos os domingos, especialmente neste que é un derbi ante o Racing. ABANCA-RIAZOR cheo sería espectacular".

Entende as críticas ao equipo pero "outra cousa é que a pesar de que empatamos, de que perdemos este partido contamos convosco e ímosvos a apoiar. E confiamos en vós. O deportivismo é un movemento tan grande que ninguén sabe nestes momentos como se situaría se puidese ir a ABANCA-RIAZOR: Creo que a gran maioría estaría co equipo. Non me cabe a menor dúbida. #ANOSAFORZA segue estando comigo, segue estando co club e vainos a levar polo aire a Segunda División".

Admite iso si que lle está custando que "o equipo sexa un pouco máis fluído. Non sei se foi a preparación, se esta pretemporada tan rara que todo o mundo tivo. Sinto que ao equipo está a custarlle levantar un pouco o voo, levantar as ás, rodar no campo con máis fluidez. As causas son múltiples. Coma se fósemos un pouco pesados, coma se tivésemos unha marcha moi monótona e faltásenos un pouco de faísca".