RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez viu a un Dépor "mal" nas dúas áreas pero "non o vin entregado. Foise cara arriba. Tentouno"

"A situación era e segue sendo crítica para o Dépor". Con esta frase arrincou Fernando Vázquez a súa comparecencia ante os medios informativos na sala de prensa do Estadio Xogos Mediterráneos.

Do encontro, subliñou que "cando recibes 4 goles, toca felicitar ao Almería. Foi letal ante a portería e nós estivemos moi frouxos a nivel defensivo. Empezamos ben, pero á media hora perdiamos 2-0. E aí estivemos fatal. Cometemos erros defensivos importantes e o Almería é un bo equipo con calidade, velocidade, rapidez, verticalidade. E fíxonolo pagar. No segundo tempo quixemos reaccionar, cambiamos a forma de actuar no terreo de xogo. Os xogadores fixeron todo o posible por arrinconar ao Almería. Houbo momentos que tamén o fixemos ben nalgún sentido. Pero faltounos o gol. O Almería cada vez que chegaba, facíanos gol. Foi letal no áera e nós estivemos moi mal na área do Almería e mal na nosa área. Cando un está mal nas dúas áreas, o normal é que perda".

Non cre que o Dépor dese sensación de equipo derrotado: "Non estou de acordo con esa sensación. O meu equipo foise cara arriba, tentouno. Non o vin entregado nunca. Se o vise, recoñeceríao. Demos espazo para que o Almería puidese correr. Iso si é certo".

Tamén opina que a pesar do duro resultado, "algunha reacción si que tivemos, algunha ocasión de gol tivemos. Podería ser favorable a nós o marcador porque parecían claras as ocasións que tivemos. Non as fixemos. O estadio non creo que vise a un equipo que estaba entregado; que estivese desacertado, é posible; que cometemos erros defensivos, é posible. Tamén é entendible que permitimos que o Almería correse no segundo tempo porque nós quixemos presionar alto, fómonos arriba e deixamos espazo".

En canto á factura que pasa o partido de cara á próxima semana, Fernando Vázquez indica que "perdemos a Mollejo por 5 amarelas. Eneko é lesión muscular. Sabin Merino tiña un pouco como a outra vez, certas molestias nos isquiotibiais e tivemos que cambialo".

Insiste en que quere volver ver o partido de novo, "coñecer as sensacións dos meus xogadores. Agora ben, os que vermos fútbol, os que coñecemos o fútbol, sabemos que cando ti vas detrás no marcador, tentas igualar o marcador, poden pasar estas cousas".

Finalmente, á afección o adestrador branquiazul quíxolle enviar esta mensaxe: "O equipo necesita axuda, necesita apoio nestes momentos. Estou seguro que a afección responderá".