RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Garitano, prudente: "Isto vai ser unha pelexa moi dura ata o final"

Gaizka Garitano subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "seguimos na pelexa. Todo o que sexa pensar que xa saímos, que xa non hai que mirar para abaixo, creo que sería o peor erro que podemos cometer".

Iso si, aclara o técnico deportivista que "eu tamén miro cara arriba e quero engancharme aí. Pero para iso necesitamos gañar, e non é fácil. Nós imos partido a partido, tentar gañar, pero non pensar que porque agora esteamos a 6 puntos do descenso isto cambiase. Mañá podemos estar a 3. Queremos estar a 8, ou a 9, ou cada vez máis arriba".

Expresou o seu desexo de acabar a primeira volta "coa primeira vitoria (lonxe de Riazor). É o que temos agora mesmo en mente, acabar con 21 puntos. A distancia ao descenso é moi enganosa, seguimos nos postos de abaixo".

Confesou falar cos xogadores nesta liña: "Seguimos abaixo e temos que tentar enganchar cos postos de arriba. Isto vai ser unha pelexa moi dura ata o final".

Opina o adestrador branquiazul que "xa hai bastante tempo o equipo parécese ao que eu quero. Non desde os resultados son mellores, senón desde antes. Desde que os resultados non eran tan bos, o equipo estaba moi preto de gañar moitos partidos. Non cambiou en exceso o equipo desde hai dous meses ou dous meses e medio".

En canto a Las Palmas, rival mañá vernes 20 de xaneiro no Estadio de Gran Canaria (20:45, Gol TV), Garitano cre que "se ti dáslles sempre a pelota, eles teñen moito brillo co balón, moitos futbolistas de calidade, Jonathan Viera, Roque Mesa... Teñen arriba xente desequilibrante. Eles atópanse moi a gusto co balón. Tes que defender ben e logo nós somos capaces de ter o balón. Se atopamos a profundidade que necesitamos, somos con balón un equipo que fai cousas, que manexa ben a pelota".