RCD / NOVAS

Guilherme ve ao equipo preparado e "coa mente posta en comezar o campionato"

10/08/2017 20:13

Guilherme atendeu aos medios de comunicación na sala de prensa do Hotel Attica 21 Vilalba. "Estamos a traballar moi ben, coa mente posta en comezar o campionato. Estamos moi felices", apunta.

Cre que arrancar LaLiga Santander co Real Madrid "é a mellor maneira posible, en casa e ante un gran equipo. Paréceme moi ben. Vai ser un gran partido".

Do equipo branco opina Guilherme que "todo o mundo sabe que equipo é. Nós temos que facer o noso traballo ben".

Promete o mediocentro brasileiro, tras pasar a ser propiedade do RC Deportivo, dedicación e traballo para "tentar facelo mellor e devolver a confianza que o Club depositou en min". "O meu obxectivo a temporada pasada era facer un bo campionato e axudar, para tentar quedarme. Agora asinei un contrato aquí e síntome máis confiado, máis tranquilo de poder facer o meu traballo", engade.

Ve ao equipo preparado para competir: "Esta semana xa estamos na recta final. É diferente o comezo do campionato, despois de facer amigables. Pero estamos ben fisicamente e agora queda esperar o arranque".

Preguntado sobre os obxectivos do equipo, Guilherme apunta que "o meu pensamento, non o de todos, é que temos equipo para estar entre o oitavo e o decimosegundo. Non o fixemos a temporada pasada. Esta temporada imos estar aí máis arriba".

Máis novas de: GUILHERME