RCD / NOVAS

Gustavo Munúa, novo adestrador do Fabril

07/11/2017 19:40

Gustavo Adolfo Munúa Vera (27 de xaneiro de 1978, Montevideo-Uruguai) é o novo adestrador do RC Deportivo Fabril, no que substituirá a Cristóbal Parralo, despois de que este tomase as rendas do primeiro equipo branquiazul hai dúas semanas. Chega ao Club acompañado de Christian Berman como segundo adestrador.

Retirado como futbolista hai só dous anos, Munúa empezou inmediatamente a súa carreira nos bancos, asumindo a dirección do Nacional de Montevideo, club no que comezou a xogar con 8 anos. O exportero dirixiu ao conxunto albo durante un ano, entre xuño de 2015 e xuño de 2016. A súa última experiencia data do primeiro semestre de 2017, durante o que dirixiu á Liga Deportiva Universitaria de Quito, conxunto da Primeira División ecuatoriana.

Munúa regresa deste xeito á que foi a súa casa durante seis anos. O uruguaio foi porteiro do primeiro cadro deportivista entre 2003 e 2009, anos nos que disputou 44 encontros oficiais (27 en Primeira División, 14 en Copa do Rei e 3 en Liga de Campións). O seu debut produciuse o 7 de outubro de 2003 nun Compostela-Dépor (0-1) de Copa do Rei. O seu último partido foi o 25 de xaneiro de 2009, no Santiago Bernabéu ante o Real Madrid (1-0).

Outros fitos da súa carreira como futbolista foron o subcampeonato mundial Sub-20 que logrou coa selección uruguaia en 1997 e a súa participación no Mundial de 2002 coa selección absoluta, coa que disputou un total de 22 partidos, entre 1998 e 2004. Ademais, vestiu as camisetas de Nacional de Montevideo, Málaga, Levante e Fiorentina.

Tras aterrar hoxe na Coruña e asinar polo Real Club Deportivo ata final de temporada, pasouse xa pola Cidade Deportiva de Abegondo para coñecer aos seus xogadores. Mañá dirixirá o seu primeiro adestramento e ofrecerá a súa primeira rolda de prensa como técnico branquiazul.