RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Hai calidade dabondo para sacar esta situación", opina Koke tralo seu debut co Dépor

Koke Vegas pasou este mediodía pola sala de prensa, nada máis chegar a Abegondo a expedición deportivista procedente de Madrid.

O meta deportivista, que debutou onte en Illueca en partido oficial coa camiseta branquiazul, confesou que "persoalmente foi un día importante polo meu debut e porque se conseguiron os 2 obxectivos do partido de onte. Un era gañar, tiñamos a obrigación de pasar de eliminatoria. E o segundo é coller confianza. A nivel individual a portería a 0 dáme confianza a min e logo ao equipo pola vitoria".

Advirte que o partido ante o CF Illueca, de Terceira División, "non era un partido fácil. A Copa do Rei é sufrimento e máis con este novo formato de competición. Todos os partidos de Copa son finais. O equipo onte soubo sufrir e soubo gañar. É algo moi positivo e oxalá que esta vitoria axude á confianza do equipo e a que se poida reverter a situación".

Lembra "vivir persoalmente situacións de dinámicas moi negativas co Levante. E unha vitoria sempre nos deu ese punto de inflexión. Oxalá que aquí suceda o mesmo".

A nivel persoal, Koke apunta sobre todos estes meses sen entrar no equipo que "o xogador é egoísta, quere xogar. Non é o máis fácil do mundo. Pero eu estou aquí traballando cada día coa miña máxima profesionalidade para poñela ao servizo do equipo. Atópome ben, preparado. Vin ao Dépor para parar todo o que chegue. Onte conseguiuse".

De cara ao choque ante o CD Tenerife deste venres 20 de decembro en ABANCA-RIAZOR (21:00 horas, Gol), Koke pide quedar con "a actitude do equipo. Estou totalmente convencido de que a situación é 100 % revertible. Hai calidade dabondo para sacar esta situación. Creo que o que o equipo necesitaba era unha vitoria, necesitaba ese punto de confianza, necesitaba sentirse máis a gusto. Oxalá que iso sirva para o venres. O foco témolo no venres xa, no Tenerife".