RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Intenso e emocionante día despois para o Xuvenil A, entre María Pita e ABANCA-RIAZOR

Foi un día longo onte luns para todo o cadro de xogadores, técnicos e auxiliares do Xuvenil A, pero todos lembrarano durante toda a súa vida.

Ás 06:30 da madrugada chegaba á Coruña o autocar oficial do Dépor que trasladou á expedición branquiazul desde o Marbella Football Center, sede da Fase Final da Copa de Campións de fútbol xuvenil. Foron máis de doce horas de viaxe por estrada, case mil quilómetros, pero sen dúbida os máis felices.

Cunhas poucas horas de sono, ás 12:00, o adestrador Óscar Gilsanz, o capitán Mario Domínguez e o goleador Noel López pasáronse pola sala de prensa de ABANCA-RIAZOR para ofrecer as súas impresións aos medios de comunicación desta nova xesta para o Club.

Pola tarde, as emocións multiplicáronse. En primeiro lugar, de novo no autocar do Club, e cos trofeos de campións do grupo 1º da División de Honra e coa Copa de Campións no cadro de mandos, o equipo puña rumbo ao Palacio Municipal de María Pita desde a DéporTienda de ABANCA-RIAZOR.

Acompañados por Eduardo Blanco e Emma Lustres, conselleiros do Real Club Deportivo; Miguel Juane, secretario do Consello de Administración; Francisco González Pérez, Director da Canteira; e Albert Gil, Director de Organización do Club, a expedición deportivista percorreu a pé o camiño desde Porta Real até a entrada do palacio municipal. As persoas que nese momento atopábanse na Praza estalaron nun emocionante aplauso a estes novos futbolistas que volveron facer historia.

Xa no salón de plenos, os branquiazuis foron recibidos pola Alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a concelleira de deportes, Mónica Martínez; e polos portavoces das demais agrupacións políticas.

Eduardo Blanco tomou a palabra en primeiro lugar para acordarse das persoas que fixeron posible a creación da Cidade Deportiva e apuntou que este equipo "non é flor dun día" senón que é froito do traballo de toda unha serie de profesionais do Deportivo en todas as áreas e de todas as directivas que os precederon desde a posta en marcha de Abegondo.

Óscar Gilsanz, adestrador do equipo, destacou o traballo de todos os adestradores e de todo o persoal do Club, partícipes tamén deste éxito; e Mario, capitán do Xuvenil A e natural de Estremadura, acabou a súa breve alocución cun "A Coruña é a ostia" que provocou o  sorriso dos presentes e por suposto da alcaldesa que estaba ao seu lado.

Pechou a quenda de palabra Inés Rey, quen subliñou que "nos emocionastes" á vez que afirmaba que "estamos moi orgullosos de vós. Xogastes como un equipo", indicou na súa alocución. 

Após o intercambio de agasallos, unha camiseta do equipo con en Campións 21 nas costas para o Concello, houbo foto de familia no propio salón de plenos, do mesmo xeito que posteriormente á porta do Palacio Municipal, en plena praza de María Pita ou aos pés do bus en Porta Real.

Pero os momentos máis emocionantes estaban por chegar. Uns douscentos afeccionados recibiron aos xogadores e técnicos á súa chegada de regreso a ABANCA-RIAZOR. Houbo bengalas, cánticos e unha comuñón do equipo con #ANOSAFORZA que só pode ser o xerme de algo grande que está por vir.

Xa dentro do estadio, técnico e capitán saltaron ao campo desde o túnel de vestiarios portando a Copa de Campións, aínda coas citas azul e branca coas que a recibiron en Marbella. Unha foto para a historia de todo o grupo a pé de céspede onde sen dúbida todos soñan con xogar algún día e a entrega doutra de recordo de con a Copa en Marbella, xentileza de Mástil Noroeste Publicidade, provedor de materiais impresos do Club, pecharon a visita ao Estadio. Cunha cea no Restaurante Buena Suegra da rúa Real 71 os campións da Copa de Campións puxeron o punto final a unha temporada para a historia do Real Club Deportivo e do fútbol galego.