RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Irureta e Scaloni protagonizan a Conversas Estrella na véspera do 20 aniversario do campionato de Liga do Dépor

O adestrador do Real Club Deportivo no arranque do milenio, Javier Irureta e o actual seleccionador arxentino e futbolista daquel Dépor de lenda, Lionel Scaloni, compartiron hoxe unha nova edición das Conversas Estrella.

Unha charla especial porque se produciu na véspera da celebración do 20 aniversario de LaLiga que ambos gañaron adestrando e defendendo a camiseta do Deportivo respectivamente.

Foi sen dúbida un momento inesquecible do lustro que pasaron xuntos no Deportivo, non só gañando LaLiga senón a Copa do Rei do "Centenariazo" ou protagonizando todas as participacións do equipo en Champions. Lembraron nomes propios, anécdotas e sobre todo, partidos.

Precisamente durante a charla ambos comentaron que Scaloni é o xogador que máis partidos xogou co Deportivo en Liga de Campións, todas aliñado por Irureta, polo gran xogador de equipo que era, ademais de competitivo. Como lle lembrou Jabo a Leo, sempre lle dicía nas charlas: "míster non nos conte cantas finais xogou, díganos cantas gañou. Para Scaloni non valía ser segundo. É un xogador que debería estar en todos os equipos, é moi propositivo e sempre quería gañar".

Foron anos de títulos, subcampionatos e roldas finais de Champions que Irureta lembra con orgullo: "meterte entre Barça e Madrid e estar varios anos por encima dalgún dos dous e un por encima de ambos é un mérito tremendo. É un gran traballo o que fixo o equipo naqueles anos"

Mérito que referendou Scaloni: "agora que pasou o tempo vemos que é incrible o que conseguimos e o que non conseguimos. Nesa época criamos que estabamos capacitados para gañar todo pero sempre hai un rival. O importante é que o proceso foi incriblemente positivo. Hoxe vemos o difícil que é estar aí arriba. Vivimos coa afección anos marabillosos. Oxalá gañásemos máis pero os títulos están aí", sentenciou o seleccionador da albiceleste, que tamén lembrou a importancia do apoio da afección do Dépor, que converten Riazor nun estadio cun ambiente máxico cando o enchen como sucedeu, hai mañá 20 anos, no último partido de LaLiga do Dépor.