RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

José Luis Martí: "Haberá que traballar moito e moi duro para poder conseguir o ascenso"

José Luis Martí subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que a eliminatoria polo ascenso a LaLiga Santander ante o Real Mallorca, que arranca mañá xoves 20 de xuño en ABANCA-RIAZOR coa ida (21:00 horas, Movistar Partidazo), "sabemos que será moi complicada, moi difícil. Enfrontámonos cun rival dos que maior equilibrio tivo durante todo o campionato, cunha orde táctica case perfecta en toda a súa temporada".

O técnico deportivista advirte que "haberá que traballar moito e moi duro para poder pasar esta eliminatoria e conseguir o ascenso".

Comprende o estado de euforia que pode rodear ao equipo: "Quero que a xente estea ilusionada, que non rehuya deste gran soño e deste gran momento. Pero teño moi claro que os meus xogadores son conscientes do que pasou durante a temporada, do que sucedeu, do que viviron. Enfrontámonos a un rival que quedou por diante de nós na clasificación. Ten unha certa vantaxe na eliminatoria porque se non encaixa un gol, o ano que vén estará en Primeira División. Nós estamos obrigados a facer un gol para poder ascender. E esa vantaxe tena o rival".

Nesta liña, insiste que os xogadores branquiazuis "son moi conscientes que o rival quedou por diante de nós e non vai ser nada fácil. É un dos equipos con maior equilibrio e mellor ordenado do campionato. É moi difícil facerlle gol".

Mallorquino de nacemento e formado no club balear, Martí razoa que "o fútbol che pon neste tipo de situacións. Eu coa máxima paixón como sempre, a defender os intereses do Deportivo como debo facer e fixen sempre. Non podo obviar que é o equipo onde me formei, é a miña illa. Non me queda outra que vivir o soño do Dépor e o meu propio de poder estar en Primeira División".

Apunta como posibles claves da eliminatoria "os pequenos detalles, as transicións, o balón parado... ao final vai ser todo. Pero é o momento de xestionar a euforia, os impulsos, a paixón, a motivación. Eses momentos de xestionar ben o que che transmite o corpo tamén van ser importantes".

Si ten claro José Luis Martí que "a eliminatoria se vai a decidir en Palma, non se vai a decidir aquí. Pase o que pase en ABANCA-RIAZOR a favor dun ou doutro, en Palma será cando se decida o equipo que ascenda a Primeira División".

Experto xa en disputar unha final polo ascenso no banco do CD Tenerife, o adestrador branquiazul confesa haber aprendido que "necesitas de moita xente para poder competir ao 100 % en cada momento".