RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Juan Rodríguez desvela que elixiu ao Dépor "cos ollos pechados" por diante de Villarreal, Valencia ou Celta

O canteirán Juan Rodríguez pasou hoxe mércores pola sala de prensa virtual do RC Deportivo.

O defensor branquiazul cre que a temporada está a ser "moi boa" a nivel particular. "Todo isto chegou con traballo. Estou agradecido ás oportunidades que me están dando no Club", engade.

Opina que debe mellorar aspectos como a súa colocación no campo e "anticiparme a xogadas que se van a dar".

Cualificou de "experiencia marabillosa" adestrar co primeiro equipo. "Estou a aprender unha chea ao estar rodeado destes xogadores", apunta.

Explica Juan Rodríguez que con Fernando Vázquez "traballo a nivel táctico e técnico. É unha persoa moi próxima que me está axudando unha chea". "Cada adestrador ten o seu propio estilo. El ten unha gran experiencia e demóstraa en todos os adestramentos. Transmite confianza e tranquilidade. Valoro o esforzo que fai comigo ao quedar comigo adestrando", apostila.

Non pensa, aínda que o desexa, debutar co Dépor e si "no día a día para conseguir todos os obxectivos que me propoña". É máis, lembra que está a xogar co Fabril "pero estou en idade xuvenil. Por tanto, son xogador do Xuvenil. Se teño que volver xogar con eles, fareino encantado con eles".

Non oculta que "o Club está a apostar por min e estame dando oportunidades. Oxalá poder debutar no equipo que son desde pequeno e poder defender esta camiseta".

Deu os seus primeiros pasos no Coruxo vigués: "Xoguei 8 anos. Aí tiven as ofertas de Villarreal, Valencia, Celta e Dépor. A min cando me chegou a oferta do Dépor, non o dubidei porque é o Club ao que quero, do que son desde pequeno. Cos ollos pechados dixen que si".

Ademais, este parón ligueiro, para o futbolista galego, "pódeme prexudicar porque estaba nunha boa dinámica".

Aos rapaces que cada día adestran como el en Abegondo, Juan Rodríguez diríalles que "traballen día a día e esfórcense ao máximo. Agora no Club hai adestradores que che brindan oportunidades para que as poidan aproveitar".

No primeiro equipo confesa que se fixa en "todos, porque son grandes xogadores. De todos aprendo algo".

O seu referente antes de chegar ao Dépor eran "Sergio Ramos, Godín e Giménez pola súa forma de defender; e a súa capacidade de anticipación. No Club fíxome en Mujaid porque é un exemplo de canteira. A súa capacidade de mellora é moi boa".

Nesta situación de confinamento, conta que "me está custando máis levar o día a día, o non poder estar a adestrar cos meus compañeiros, co adestrador e poder estar a aprender deles. Aquí estou a adestrar pola miña conta, tentando coidar a alimentación e comendo de dieta para poder chegar o mellor posible aos adestramentos".

Día a día no seu domicilio segue as instrucións que lle fai chegar Manuel Pombo, preparador físico do primeiro equipo. "Como non teño bicicleta, baixo ao garaxe a correr; e subo e baixo escaleiras", subliña.

Estar tantos días en casa, en opinión de Juan Rodríguez, "faime valorar ás persoas que están ao teu lado cada día e o estar á beira da miña familia, que a botaba de menos ao non poder estar con eles".