RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Juanfran e Andone coinciden na inxustiza do resultado

Juanfran, un dos capitáns, e Florin Andone, goleador de novo esta noite, compareceron na zona mixta do Estadio ABANCA-RIAZOR.

O lateral madrileño apunta que "o equipo está agora máis intenso, máis metido nos partidos. En Vilarreal conseguimos empatar e hoxe en dúas desgrazas púxosenos o partido 0-2 e ao final tivémola moi clara para empatar".

Extrae como lectura do partido que "temos que estar máis finos na nosa área e tamén na área contraria. O resto do xogo fixémolo ben e esa é a liña a seguir".

Juanfran recoñece que é a derrota máis cruel porque "xogamos contra o mellor equipo da primeira volta e fíxonos moi pouco para gañarnos. Eles fixeron o seu traballo, é un equipo moi intenso. De cara a portería é verdade que accións moi claras non tiveron. Defendemos ben salvo dúas accións case da nada".

Pola súa banda, Florin Andone cre que a derrota é "moi inxusta. O equipo durante case todo o partido estivo bastante ben. Tivemos moito criterio co balón. É verdade que enfronte tes un equipo moi forte fisicamente, tamén coa pelota saben xogar moi ben. É un resultado moi inxusto. Non nos mereciamos recibir dous goles neste partido e si que nos mereciamos meter máis dun gol".

O internacional romanés insiste en que o resultado é "fodido para nós porque traballamos moitísimo. Habemos ir a remolque desde o primeiro gol, tentamos facelo o mellor posible e ao final non nos levamos nada. Temos que seguir traballando e a ver se o próximo partido temos un pouco máis de sorte".

Subliña que no vestiario "a xente está amolada, con ganas de que chegue a semana que vén para tentar ter outra oportunidade diante dun rival moi forte. Na vida tamén se pasa por momentos destes. Estou seguro de que isto o imos a sacar adiante. A xente que sabe de fútbol sabe que o equipo fixo moito mérito hoxe para facer algo máis".