RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Juanfran e Luisinho quedan cun triunfo "importante", nun partido "que había que gañalo"

O capitán Juanfran e o goleador da noite Luisinho foron os dous mariñeiros que compareceron na zona mixta do Estadio ABANCA-RIAZOR, tras concluír a primeira travesía vitoriosa do Deportivo nesta edición de LaLiga Santander.

Así, Juanfran recoñece que "era moi importante para nós conseguir a vitoria. Pero era máis importante a forma en que foi, portería a cero, cun equipo máis serio, máis compacto, que competiu durante 90 minutos, que nunca se foi do partido, que concedeu un tiro lonxano e un córner que remataron e nada máis. Era moi importante gañar e moi importantes as formas, mostrar unha cara máis convincente".

O lateral deportivista opina que "nos últimos metros tiñamos un pouco de ansiedade. As cousas non saíron ben nos primeiros partidos e cando chegas aos últimos metros pódenche as ganas. Faltounos un pouco de finura no último pase".

Queda o defensor branquiazul con "a portería a cero. Cortamos a serie negativa de goles en contra. Saímos un pouco do pozo no que estabamos metidos".

Pola súa banda, Luisinho mostrouse "feliz pola vitoria, que era moi importante para nós. Era un partido que tiñamos que gañalo".

Apuntou o lateral deportivista que o vestiario deportivista esperaba un partido "tenso, complicado. Os dous equipos necesitabamos puntos. Sabiamos que ía ser un partido moi pechado. Controlamos o partido do primeiro ao último minuto".

Iso si, advertiu que "tivemos unha ou dúas oportunidades para facer gol, e temos que matar o partido".

Agora, subliña que esta vitoria "dá confianza. Era moi importante para nós. Hai que seguir, hai que ser positivos. Agora temos un partido ante o Espanyol, que imos a polos tres puntos".

Polo seu tanto ao fío do final do primeiro tempo, confesou estar "contento polo meu primeiro gol na liga española, por axudar ao Deportivo a gañar".