RCD / NOVAS

Lalo Ucha, exdelegado e exdirectivo deportivista, faleceu aos 73 anos

22/03/2020 17:30

José Francisco Ucha Montero, exdelegado e exdirectivo deportivista nos anos 80, faleceu a primeira hora desta mañá aos 73 anos de idade.

Lalo, como era coñecido por todos, formou parte da xunta directiva do Club branquiazul baixo a presidencia de Andrés García Yáñez. O seu ingreso produciuse como vogal, o 28 de setembro de 1986, para despois pasar a exercer como delegado, a partir do 1 de decembro de 1987 e até a chegada á presidencia de Augusto César Lendoiro.

Con anterioridade, durante varios anos, en especial durante a presidencia de Jesús Corzo Sierra, exerceu como delegado de campo en multitude de partidos. Igualmente participou nos labores organizativos dos partidos do Mundial 82 na Coruña e tamén foi directivo do Sin Querer SD. Ademais, o seu pai, Francisco Ucha Rodríguez, é un dos máis lonxevos traballadores da historia do Club, posto que foi xefe de porteiros do Estadio desde 1951 até 1990.

O presidente, o consello de administración e os empregados do Club, en nome de todo o deportivismo, queren trasladar aos seus familiares e amigos as súas máis sinceras condolencias. D.E.P.